Xesús Vázquez Abad presenta o novo programa de televisión infantil en galego ‘Os Bolechas’

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria manifestou que “é importante contar cunha oferta ampla, diversificada e de calidade de programas infantís en galego que favoreza a chegada desta lingua aos fogares”

Asemade o titular de Educación valorou o papel dos protagonistas da serie, os famosos Bolechas, como referente galegofalante para os nenos e nenas de Galicia e o seu potencial parta transmitirlles o galego con naturalidade e alegría

Mér, 19/09/2012 - 14:39
Xesús Vázquez Abad presenta o novo programa de televisión infantil en galego ‘Os
Xesús Vázquez Abad presenta o novo programa de televisión infantil en galego ‘Os Bolechas’

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou hoxe no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) o novo programa de televisión en galegoOs Bolechas, dirixido aos máis pequenos da casa, durante unha festa de lanzamento na que participaron máis de 250 rapaces e rapazas.

O titular de Cultura e Educación da Xunta cualificou a nova iniciativa audiovisual coma “un paso máis na aposta da Consellería pola TVG como referente de ocio para os máis cativos e, sobre, todo, unha aposta por apoiar a socialización en galego dos nenos e nenas” nunha sociedade en que os pequenos aprenden as primeiras palabras, “non só da man da familia, senón tamén doutros axentes, coma as escolas infantís e os medios de comunicación”.

O conselleiro valorou moi positivamente esta nova serie baseada na famosa familia dos Bolechas, referente galegofalante para moitísimos nenos e nenas galegos que os coñecen a través dos libros que protagonizan. “Eles, que contribuíron a que moitos pequenos se animasen a ler en galego, contribuirán agora a transmitirlles a lingua propia de Galicia con naturalidade e alegría a través da televisión”, sinalou.

Xunto co conselleiro de Cultura e Educación, acompañaron Os Bolechas na festa de lanzamento Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Rosa Vilas, directora-xerente da Televisión de Galicia; Juan Díaz Arnau, director xeral de Novagalicia Banco (tamén entidade colaboradora); Antonio Couto, responsable da editorial e produtora Bolanda, que desenvolveu o programa televisivo, e mais Pepe Carreiro, creador dos Bolechas.

Apoio á TVG a prol da lingua galega

O novo espazo televisivo Os Bolechas forma parte da aposta da Consellería de Cultura e Educación pola TVG como espazo para a promoción da lingua galega. Desa mesma aposta forman parte os microespazos dedicados ao noso idioma Ben falado! ou o programa de dinamización lingüística destinado á infancia Nós tamén creamos!, que permitiu emitir curtas de animación en galego elaboradas por cativos de 3 a 9 anos.

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e mais a Compañía Radio-Televisión de Galicia, a través da Televisión de Galicia, reforzan deste xeito a súa colaboración para impulsar iniciativas audiovisuais

Amais, o conselleiro anunciou que proximamente se completará esta oferta cun novo espazo televisivo para bebés e familias que lle dará ao coñecido programa de dinamización lingüística Os Axóuxeres unha dimensión audiovisual. “É importante contar cunha oferta ampla, diversificada e de calidade de programas infantís en galego que favoreza a chegada desta lingua aos fogares”, sinalou Vázquez Abad.

Os Bolechas

O luns 24 de setembro, a TVG arrancará a nova programación cos 8 capítulos da serie Os Bolechas. O programa poderase ver na canle que a televisión pública lle dedica ao público infantil, a TVG2, no marco do coñecido espazo do “Xabarín Club”, e contará con tres emisións diarias.

Os muppets de Carlos, Pili, Loli, Braulio, Sonia, Tatá e Chispa representarán as divertidas aventuras que os fixeron famosos no eido da literatura infantil. O seu éxito radica en seren un referente próximo para os nenos e nenas galegos, tanto porque a familia está integrada por personaxes de diferentes idades que permiten conectar con cativos de 2 a 10 anos, como porque viven experiencias semellantes ás dos nosos nenos e nenas en espazos por eles coñecidos.

Toda a información no web da Secretaría Xeral de Política Lingüística, www.xunta.es/linguagalega/os_bolechas.