O director xeral de Educación comparte cos alumnos o inicio das clases de FP no IES Fraga do Eume, cuxa oferta incrementou a Consellería coa implantación dun ciclo de nova creación

O departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad vén de dar resposta ás necesidades da comunidade educativa da zona, ao incrementar a oferta deste centro co ciclo superior de Dirección de servizos en restauración

Mér, 19/09/2012 - 13:15

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada polo director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, compartiu hoxe o inicio das clases cos alumnos de Formación Profesional do IES Fraga do Eume, no que a Consellería vén de implantar o novo ciclo de grao superior de Dirección de servizos en restauración, incrementando a súa oferta formativa para dar resposta ás necesidades da comunidade educativa da zona.

Tal e como explicou Manuel Corredoira, as 22 novas prazas deste ciclo veñen a dar resposta ás necesidades dun sector de gran importancia para o desenvolvemento produtivo e económico da nosa comunidade, cunha demanda crecente de persoal cualificado.

Deste xeito o novo ciclo vén a completar a oferta do instituto de Pontedeume no ámbito das ensinanzas profesionais de Hostalería e Turismo. Así, este curso, ademais do novo ciclo, o instituto de Pontedeume ofrece no réxime ordinario o ciclo medio de cociña e gastronomía, o ciclo medio en panadaría, repostería e confeitaría e o ciclo superior de dirección de cociña. Ademais, acolle unha oferta modular do ciclo medio de cociña e gastronomía polo réxime de persoas adultas e o programa de cualificación profesional inicial de servizos de restauración.

Oportunidades laborais

Tal e como explicou o director xeral, as ensinanzas impartidas no ciclo superior de Dirección de servizos en restauración capacitan as titulados a desenvolver ocupacións tales como director/ora de alimentos e bebidas, supervisor/ora de restauración moderna, "maître", xefe/a de sala, encargado/a de bar-cafetaría, xefe/a de banquetes, xefe/a de operacións de cátering, sommelier, responsable de compra de bebidas e/ou encargado/a de economato e adega.

Ademais, o título de técnico superior en dirección de servizos en restauración permite a obtención de dúas cualificacións profesionais completas, con significación no mundo laboral, como son a de xestión de procesos de servizo en restauración e a de sommelier.

Aposta pola FP

Deste xeito, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria continúa coa súa aposta pola formación profesional como un sistema de oportunidades para o desenvolvemento dos sectores socioprodutivos galegos e unha porta de acceso para a recualificación dos cidadáns e para o seu acceso ao mercado laboral.

A aposta do departamento educativo da Xunta de Galicia pola FP durante a lexislatura reafirmouse este curso coa creación de 2.600 novas prazas en ciclos formativos, para dar resposta ao interese crecente das galegas e galegos nestas ensinanzas.