Vázquez Abad presenta, en Ourense, o acto de recoñecemento da certificación de calidade aos centros integrados de formación profesional
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria recoñeceu a labor dos 17 centros que integran a Rede de CIFP
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou hoxe o acto de recoñecemento da certificación de calidade ISO 9001 aos 17 centros da Rede de Centros Integrados de Formación Profesional.
Durante o encontro, realizado no ourensán CIFP A Farixa o conselleiro destacou a labor que están a realizar e sinalou que “con esta distinción avánzase un paso máis na implantación e normalización de sistemas de xestión nos centros educativos”, ao que destacou que o certificado significa que “un organismo externo distingue, con criterios de valoración obxectivos, o sistema de xestión de todos e cada un dos centros integrados de Formación Profesional, tanto os que xa estaban traballando na xestión da calidade, como os que se sumaron o pasado curso á rede e a ese proceso de certificación. Un proceso que comezou no ano 2010 e que agora culmina con éxito”.
Acompañado polo delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, e xunto ao director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; a subdirectora xeral de FP, María Eugenia Pérez; e a responsable de operacións e técnoloxía da delegación AENOR en Galicia, Rebeca Fernández Pérez, o conselleiro dixo que “este curso ofertamos, só nos centros integrados, mil setecentas dezaseis prazas máis, para formar futuros profesionais altamente cualificados, capaces de traballar no futuro polo avance de Galicia, o que supón preto dun vinte e sete por cento máis que o curso pasado”.
En relación a demanda destes estudos o titular de Cultura e Educación na Xunta recordou que “os dezasete centros integrados de FP aquí presentes hoxe teñen nas súas aulas a un trinta e catro por cento do total do alumnado galego de FP (8.166 prazas). Pero ademais, estáselle a dar un impulso á tan precisa cultura do emprendemento, con ofertas que son un reflexo dos cambios na nosa contorna socioeconómica, adaptadosás necesidades dos sectores produtivos galego”.
No relativo á Rede de CIFP Vázquez Abad afirmou que “temos creado unha estrutura para o futuro, capaz de responder aos novos retos que a sociedade globalizada e competitiva na que nos tocou vivir nos demanda”.
Os centros recoñecidos
No acto, no que tamén participaron os directores dos CIFP A Farixa e Ánxel Casal- Monte Alto, da Coruña; ambos centros foron recoñecidos pola súa calidade. Do mesmo xeito que aconteceu cos de A Granxa, Ponteareas; Coroso, de Ribeira; Politécnico de Lugo, Porta da Auga de Ribadeo e Portovello, de Ourense.
Da cidade da Coruña tamén foron recoñecidos o de Someso e o de Paseo das Pontes; mentres que de Pontevedra foron A Xunqueira e Carlos Oroza; e de Vigo: Valentín Paz Andrade e Manuel Antonio. Do mesmo xeito de Santiago estiveron os directores do Politécnico e Compostela, de Santiago; así como o Ferrolterra e Rodolfo Ucha Piñeiro de Ferrol.