Seis bolseiros reforzan a súa formación en patrimonio moble a través de museos da Consellería de Cultura e Educación
Desenvolverán o seu labor durante 12 meses no Museo das Peregrinacións e de Santiago, no Museo Massó de Bueu, no do Castro de Viladonga, no Museo Etnolóxico de Ribadavia e no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense
Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución da convocatoria de seis bolsas de formación en patrimonio moble, ás que se destinan 80.000 euros. O obxectivo desta convocatoria, que promove a Secretaría Xeral de Cultura, é mellorar o sistema documental dos museos e coleccións visitables da Consellería, no marco da aposta do departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad pola conservación e a difusión dos bens culturais albergados nestes centros. A relación de beneficiarios pode consultarse no Diario Oficial de Galicia, no enlace http://www.xunta.es/dog/Publicados/2012/20120917/AnuncioG0164-070912-000....
Os bolseiros realizarán a súa actividade no Museo das Peregrinacións e de Santiago, no Museo Massó de Bueu, no do Castro de Viladonga, no Museo Etnolóxico de Ribadavia e no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. Nas tarefas de documentación, difusión e catalogación que desenvolverán serán tutelados, dirixidos e coordinados polos servizos técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.
As axudas repartíronse nos ámbitos de historia da arte, arqueoloxía, historia, restauración e belas artes. As bolsas teñen unha duración de 12 meses contados a partir da data de incorporación establecida pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.
A Consellería de Cultura e Educación considera considera a convocatoria destas bolsas como oportunidade para que os beneficiarios das axudas adquiran unha formación completa e obteñan as técnicas e aptitudes necesarias que faciliten a súa inserción no mundo laboral. A finalidade das bolsas é proporcionar unha formación teórico-práctica que, engadida á aprendizaxe académica, contribúa a completar o currículo dos beneficiarios.