O conselleiro de Educación e Ordenación Univeristaria asiste aos 'Encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares'
O evento, que contou coa presenza de Xesús Vázquez Abad, reúne a trescentos responsables destes espazos de centros escolares de toda Galicia
Arredor de trescentos responsables de bibliotecas escolares de 299 centros educativos de Galicia danse cita o 15 e 16 de abril nos ‘Encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares 2009/2010’, que se están a celebrar no Centro Integrado de Formación Profesional Politécnico de Santiago. O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu hoxe a este evento, acompañado polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal e o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación, José Luis Mira.
Durante a súa intervención o conselleiro destacou a importancia do traballo desenvolvido polos presentes xa que “sabemos que para chegar ata aquí fixestes xa un camiño, levades xa tempo traballando pola transformación das bibliotecas dos vosos colexios e institutos en auténticos centros de recursos de lectura, información e aprendizaxe, que é o que precisa o noso alumnado nestas circunstancias sociais e educativas”. Un agradecemento que fíxose extensible a todo o persoal de bibliotecas, tanto dos centros escolares como da propia Consellería de Educación.
Vázquez Abad resaltou que “a lectura é importante porque é imprescindible para moverse na sociedade e para avanzar no académico e no persoal. O noso alumnado precisa ler mellor e ler máis, e as vosas bibliotecas poden axudar a conseguilo”. Deste xeito, lembrou que “as bibliotecas escolares teñen diante grandes retos: adaptarse ás novas necesidades educativas, integrar a cultura impresa e a cultura dixital, para ofrecer oportunidades de aprendizaxe que fagan dos nosos rapaces e rapazas seres máis capaces de enfrontar os seus propios obxectivos”.
Reflexións educativas
Nestas dúas xornadas, os participantes reflexionan sobre o seu papel nos centros educativos, intercambian experiencias e sentan as bases de posibles colaboracións entre as bibliotecas da rede. A selección dun fondo versátil para a biblioteca, a educación de competencias básicas como o tratamento da información e competencia dixital, a presenza dos soportes audiovisuais e electrónicos, a imprescindible integración da cultura impresa e a cultura dixital, foron algúns dos contidos tratados en maior profundidade.
Con estes encontros, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria continúa a fortalecer a infraestrutura básica que permite ao profesorado traballar con máis e mellores recursos no ámbito da lectura e da información.
Ademais, a Consellería prepara para os vindeiros meses un novo plan de Bibliotecas Escolares, coincidindo co pulo que se lle está a dar ao hábito lector desde a Xunta de Galicia, co gallo do Ano do Libro e da Lectura en Galicia, e ao que se contribúe desde o ámbito educativo con iniciativas como os Clubs de lectura en centros de ensino, as mochilas viaxeiras ou a actual campaña “Biblioteca escolar, espazo de lecturas”.