O curso escolar en infantil, primaria e educación especial arrinca con normalidade nas catro provincias galegas
Máis de 200.000 escolares volveron hoxe ás aulas en máis de 1.000 centros educativos
Máis de 200.000 escolares de educación infantil, primaria e educación especial comezaron hoxe con total normalidade as actividades lectivas nos centros educativos galegos. Deste xeito, arrinca o calendario escolar do 2012/2013, que terá a súa próxima cita destacada o vindeiro luns 17 coa volta ás clases dos estudantes de educación secundaria obrigatoria, bacharelato, Formación Profesional, ensinanzas artísticas e deportivas, e ensinanzas para adultos.
Todos os centros de ensino, máis de 1.000, abriron as súas portas sen demora, grazas ao esforzo realizado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración coa comunidade educativa, para ter a punto as súas instalacións para o inicio do curso. Deste xeito, e malia que nalgún colexio aínda se están a dar os últimos retoques aos traballos de mellora, estas reformas non impediron que as alumnas e alumnos volveran hoxe ás aulas.
Politización do ensino
A Consellería lamenta, en calquera caso, o prexuízo que algunhas organizacións políticas e sindicais están a causar ao ensino no rural, ao promover a politización do ensino e a alarma social entre a comunidade escolar destas zonas, o que non redunda en ningún ben para o alumnado, as súas familias e aos docentes.
De feito, a causa das falsas informacións difundidas entre estas nais e pais, estudantes dos concellos de Carballeda de Avia, Cortegada e Castrelo de Miño, na provincia de Ourense; e de Samos, Guntín e O Incio, na de Lugo; non asistiron hoxe ao primeiro día de clases, moitos deles por acudiren a manifestacións en Santiago de Compostela, aínda sendo menores de idade. En calquera caso, os docentes acudiron ao seu posto, polo que aqueles nenos que asistiron ás aulas puideron ter acceso ao seu dereito de recibir clase.
Servizos complementarios
Ademais, hoxe comezaron a funcionar os servizos de transporte e os de comedor escolar xestionados desde a Consellería, unha vez axustadas as prazas e as rutas ás necesidades do alumnado matriculado no presente curso.
Para iso, no novo curso habilítanse 3.000 novas prazas de comedor escolar, de xeito que está previsto que se dea este servizo a case 69.000 alumnas e alumnas galegas. Unha cifra que significa 10.000 estudantes máis que no curso 2008/2009, no mesmo período de tempo no que o orzamento pasou de ser de 14 millóns de euros aos 24 millóns que se invisten na actualidade. Ademais aproximadamente 90.000 estudantes terán servizo de transporte escolar.