O conselleiro de Educación reúnese con profesores estranxeiros participantes na ‘Semana Europea’ da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense
Xesús Vázquez Abad destacou a importancia deste tipo de eventos como experiencia enriquecedora para todos os axentes do eido universitario
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, reuniuse hoxe con un grupo de profesores estranxeiros, que participan na ‘I Semana Europea, Semana Erasmus’.
Esta iniciativa, organizada pola Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense, estase a celebrar ao longo desta semana, e ten como obxectivo promover as visitas de profesores e profesoras de outras universidades ao amparo do programa Erasmus, así como as relacións internacionais de todos os que forman este centro universitario. Durante estes cinco días, os alumnos e alumnas da Facultade terán a oportunidade de recibir clases en inglés, e de escoitar distintos relatorios impartidos polos docentes visitantes.
Durante o encontro, conselleiro e docentes departiron sobre as vantaxes deste evento como forma de intercambio de experiencias entre as diferentes institucións participantes. Así mesmo, Xesús Vázquez Abad valorou a enriquecedora oportunidade que isto supón para que o alumnado galego poida coñecer metodoloxías de ensinanza doutros países.
De entre todos os que se achegaron a Galicia para participar na ‘Semana Europea’, hoxe viaxaron a Santiago de Compostela a profesora Laura Broccardo, da Università degli Studi di Torino -Italia-; Gerhard Feldmeier, da Bremenhaven University, en Alemania; Ieva Stûre, da Vidzeme University, de Letonia; Kerstin Heuwinkel e Leonhard Firlus, ambos os dous profesores na Saarlandes University, en Alemania; e Teemu Laitinen, da Laurea University –Finlandia-. Así mesmo, acompañaban a expedición a decana da Facultade de CCEE e Turismo, Mª Elisa Alén González; o coordinador da ‘Semana Europea’ e profesor do departamento de Economía Financieira e Contabilidade, Ángel Antonio Barajas Alonso; e a colaboradora de Relacións Internacionais e profesora do mesmo departamento, Beatriz González Sánchez.