Política Lingüística e a Deputación de Ourense asinarán un convenio de colaboración para promover o uso do galego
Anxo Lorenzo e José Luis Baltar reuníronse hoxe na sede da Deputación para establecer as bases da cooperación entre ambas as entidades
O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e o presidente da Deputación Provincial de Ourense, José Luis Baltar, mantiveron hoxe unha reunión, na que estableceron as bases para a colaboración entre ambas as entidades a prol do uso da lingua galega.
Durante a xuntanza, que tivo lugar na sede da deputación ourensá, José Luis Baltar e Anxo Lorenzo acordaron levar adiante un labor conxunto de promoción do galego a través da dun convenio colaboración. Un convenio que será asinado proximamente e que contemplará actividades de formación en galego –entre as que se atopan cursos de linguaxe administrativa galega– e mais actividades de dinamización social da lingua propia de Galicia dirixidas aos concellos da provincia de Ourense.
Ademais, o labor da Deputación a prol da lingua galega tamén será un importante punto de apoio para as localidades da provincia de Ourense que carezan de servizo de normalización e dinamización lingüística e que precisen asesoramento nesta materia.
A primeira rede galega de dinamización lingüística
No marco deste convenio, tamén se establecerá a participación da Deputación de Ourense na que será a primeira Rede galega de dinamización lingüística, un proxecto da secretaría xeral que ten como obxectivo fomentar o uso do galego en colaboración coas administracións locais. Esta rede permitirá promover o intercambio de experiencias, para sumar esforzos e para evitar a duplicidade de tarefas semellantes entre as diferentes administracións e as organizacións que actúan na promoción do uso do galego.
A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Deputación de Ourense veñen colaborando activamente na promoción do galego co fin de promover o uso da lingua propia de Galicia no ámbito local.