Vázquez Abad asina dous acordos coa Fundación Laboral da Construción de Galicia a prol da formación e a profesionalización

A Consellería de Cultura e Educación colabora con 30.000 euros nas ensinanzas da familia profesional de madeira, moble e cortiza e para facilitar a obtención da tarxeta profesional da construción

Mar, 11/09/2012 - 12:50
Xesús Vázquez na sinatura do acordo coa Fundación Laboral da Construcción
Xesús Vázquez na sinatura do acordo coa Fundación Laboral da Construcción

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asinou hoxe dous convenios, por preto 30.000 euros, coa Fundación Laboral da Construción en Galicia a prol da formación e profesionalización dos traballadores do sector

Vázquez Abad e o presidente da Fundación, Hipólito Trinidad Losada asinaron dous convenios na mellora da calidade das ensinanzas da Formación Profesional e para facilitar a inserción laboral dos titulados nestes estudos. No acto tamén estiveron presentes o xerente e vicepresidentes da Fundación, Fernando García Novo, José Manuel García González e Ricardo Santos Reiriz respectivamente, e a subdirectora xeral de Orientación Profesional e Relación con empresas, María Eugenia Pérez Fernández.

No relativo ao convenio sobre a colaboración educativa nas ensinanzas da familia profesional da madeira, moble e cortiza a Consellería achegará 30.000 euros no curso que comeza o vindeiro luns para que a Fundación continúe impartindo ditos estudos. Ademais autorizarase a posta en funcionamento e organización das ensinanzas do 1º curso do ciclo medio de Carpintaría e moble e do 2º curso do ciclo medio de fabricación  a medida e instalación de carpintaría e moble, ambos no CIFP Politécnico de Lugo, proporcionando ademais o persoal docente preciso. Pola súa banda a Fundación pon a disposición dos estudantes as instalacións precisas para desenvolver ditos estudos.

Tarxeta profesional da construción

Por outro lado o conselleiro de Cultura e Educación e o presidente da Fundación tamén rubricaron o acordo polo que se recoñece a formación en prevención de riscos laborais impartida nos centros públicos co obxectivo de proporcionar a tarxeta profesional da construción aos titulados en formación profesional inicial.

Con ambos convenios a Xunta volve a dar conta do traballo que esta a desenvolver a prol da formación profesional e do recoñecemento de ditos estudos, que cada vez contan con máis demanda. Así cómpre recordar que a Consellería leva realizadas tres convocatorias de acreditación de competencias nas que ten triplicada a oferta dun ano para outro, neste último ano, ofertáronse case 10.000 prazas para a avaliación, recoñecemento e acreditación de competencias profesionais a través da experiencia laboral ou de formación non formal.