A Consellería de Cultura e Educación lembra que traballa todos os días para atender as necesidades educativas dos estudantes galegos

A Xunta da resposta as necesidades que van xurdindo día a día, deste xeito hoxe mesmo creouse unha unidade máis nun centro de infantil

A administración recorda que os datos facilitados ata o de agora son susceptibles de variacións en función das necesidades que presente a comunidade educativa

O departamento educativo da Xunta de Galicia lamenta a intencionalidade política das declaracións alarmistas que están a facer as organizacións sindicais

No relativo ao agrupamento de alumnos cómpre lembrar que deste xeito se manteñen as escolas no rural, e que a unitaria suprimida en Negueira de Muñiz estaba pechada desde metade de curso por non ter ningún alumno

Lun, 10/09/2012 - 17:45

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria lembra que se está a dar resposta as demandas educativas que van xurdindo día a día, e que polo tanto os datos que se teñen ata o de agora son provisionais e que variarán en función das necesidades que presenten as distintas comunidades educativas. Así, por exemplo, hoxe mesmo confirmouse a creación dunha unidade máis de Educación Primaria no CEIP da localidade ourensá de Vilariño de Conso, á vista do incremento do número de matrículas de alumnos que rexistrou o centro durante os meses de verán.

Deste xeito queda demostrado que a Xunta mantén o seu compromiso coa calidade educativa e a eficiencia na xestión dos recursos dando sempre a resposta que precisa o sistema educativo en función das súas necesidades, e así se continuará a facer durante o curso escolar que comezará o mércores en infantil e primaria e o vindeiro luns no resto das etapas educativas.

Ensino no rural

Respecto da conservación do ensino no rural galego cómpre recordar que é posible grazas a unha xestión eficiente, á que contribúe o agrupamento de alumnos. Unha práctica que veñen desenvolvendo, polo menos, os últimos tres gobernos da Xunta de Galicia, e que garante a viabilidade de moitos centros que, de outro xeito, non poderían conservarse, debido á súa baixa matrícula.

Respecto das declaracións realizadas por algunhas organizacións sindicais cómpre lembrar que a escola unitaria suprimida en Negueira de Muñiz xa permanecía pechada desde metade do curso pasado por non ter alumnos. Ademais desta escola, cómpre lembrar que este curso se suprimiron outros 11 centros no conxunto de Galicia, mentres que o anterior goberno bipartito chegou a suprimir ata 28 centros en toda Galicia no ano 2006.

Así mesmo é preciso aclarar, unha vez máis, que en Galicia non se incrementará a ratio de alumnos por aula, que continuará a ser unha das máis baixas do Estado; e que se continuarán a impartir dúas modalidades de bacharelato nos centros educativos; así como a cubrir as baixas do profesorado co mesmo sistema que se viña utilizando desde hai anos.

Neste sentido queda patente a clara intención de alarma social das declaracións verquidas por estas organizacións, que non pretenden máis que facer unha politización do ensino.

Agrupamentos

No que atinxe ao número de unidades, dos agrupamentos e a creación e habilitación de unidades resulta un saldo de 17 unidades menos que no curso 2011/2012, moi lonxe das cifras verquidas polos sindicatos. No que toca aos criterios para agrupar alumnos, a Inspección Educativa agrupou ata un máximo de 15 estudantes por aula en idades de 3 a12 anos. Cómpre indicar que, co anterior goberno, se teñen dado casos dun número maior de alumnos agrupados por aula.

En todo caso a Consellería garante que todos os centros educativos contarán co persoal preciso para atender as necesidades do seu alumnado. De feito, nestes momentos no conxunto de Galicia xa hai 207 interinos máis contratados que na mesma data de 2011.

Menús News node R