Cultura e Educación presenta no CGAC o concerto de blues experimental de Bill Orcutt

O auditorio do Centro Galego de Arte Contemporáneo acolle mañá o concerto deste músico autodidacta, cuxa entrada será de balde ata completar aforo

Bill Orcutt, considerado polos seus contemporáneos como un dos guitarristas máis innovadores no terreo do blues, destaca por empregar unha técnica próxima ao hardcore

Lun, 10/09/2012 - 15:01
Bill Orcutt
Bill Orcutt

O Centro Galego de Arte Contemporáneo, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ofrecerá mañá ás 21 horas un concerto de blues experimental a cargo do músico Bill Orcutt. A entrada para este evento, que terá lugar no auditorio do museo compostelano, será de balde ata completar o aforo.

Bill Orcutt, cunha formación musical completamente intuitiva e autodidacta, está considerado por moitos dos seus contemporáneos como un dos guitarristas máis innovadores no terreo do blues. Entra a inicios dos noventa na escena punk-rock e hardcore norteamericana no grupo Harry Pussy, onde tocaba unha guitarra de catro cordas cun estilo de punteado hardcore-blues, mesturado ademais con rock e flamenco.

Nunha entrevista Orcutt confesou: “Eu non son mais ca un tipo que anda á procura do seu propio camiño tocando blues”. Esta premisa é a responsable de revivir o ánimo que agrupou a varios músicos do pasado século, os cales, a través da elaboración xenérica, consumaron obras singulares con marcas de autoría inequívocas desde Lightnin´ Hopkins a Mississipi Fred McDowell e Robert Johnson; pero tamén John Fahey, Screamin´ Jay Hawkins, Jimi Hendrix, Derek Bailey ou Keiji Haino.

Os seus álbums máis recentes son Way Down South (2010) e How the Thing Sings (2011). Asemade, o seu traballo A New Way to Pay Old Debts (2009), foi elixido mellor álbum do ano pola revista especializada The Wire.