Xesús Vázquez Abad asiste á representación do ‘Nabucco’ de Verdi, no 60º aniversario do Festival da Ópera da Coruña

O departamento de Cultura e Educación colabora cada ano con este festival que integra no seu cartel primeiras figuras e montaxes internacionais á par das mellores voces galegas

O pasado 26 de xuño, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou na presentación da a última edición deste certame lírico, o máis antigo en España

Sáb, 08/09/2012 - 20:30

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu hoxe á representación da ópera de Verdi, Nabucco, que acolle o Festival da Ópera da Coruña con motivo da celebración do seu 60º aniversario.

A última edición deste certame promovido pola Asociación Amigos da Ópera, que se desenvolve desde agosto ata o vindeiro mes de outubro, é o máis antigo dos festivais líricos españois e foi presentado o pasado 26 de xuño polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

A programación de actividades que acolle o festival, comezou o 29 de agosto cun concerto lírico que ofreceu o tenor Celso Albelo e a soprano Irina Lungu, acompañados pola Orquestra Sinfónica de Galicia. Ademais de Nabucco, Madama Butterfly, de Puccini, é a outra das obras líricas completas que inclúe este ano a carteleira á que se engade un concerto protagonizado por voces galegas e unha gala de clausura, que terá lugar o vindeiro 5 de outubro.

Nabucco

A programación da ópera en concerto Nabucco de Verdi, un dos títulos referenciais do compositor italiano, coincide coa data na que se conmemora o bicentenario do creador. A súa interpretación corre a cargo do barítono italiano Leo Nucci, quen acadou gran notoriedade hai 3 anos cando foi quen de cantar por primeira vez un bis no medio dunha ópera no Teatro Real de Madrid, en concreto, un dueto de Rigoletto xunto á soprano Patrizia Ciofi, que conseguiu unha das máis longas ovacións que se recordan no coliseo da capital española. Nucci, que xa visitara A Coruña con esa mesma obra, virá desta volta para executar Nabucco xunto á soprano portuguesa Elisabete Matos e coa Orquestra e Coro da Sinfónica de Galicia.

As localidades levan esgotadas desde hai semanas, polo que se prevé un cheo absoluto para un recital no que tamén participarán os cantantes galegos Patricia Rodríguez (soprano) e Pablo Carballido (tenor), en tanto que á dirección sitúase por primeira vez en Galicia a canadense Keri Lynn Wilson.

Outras actividades do festival

Ademais as actividades se complementarán cunha nova edición do ciclo “As novas voces galegas”, no Conservatorio Profesional da Coruña, na que se recibirá á soprano ferrolana, Patricia Rodríguez, e que se celebrará o día 21.

Cómpre destacar que os días 27 e 30 de setembro subirá a escena unha das óperas favoritas do público, “Madama Butterfly”, a obra máis popular de Giacomo Puccini e que estivo lonxe da programación galega desde os anos 80. Como última actividade do Festival, ofrecerase unha gala lírica conmemorativa dos 60 años desta cita, na que estará presente unha das mellores e máis aclamadas cantantes dos nosos días, a mezzosoprano Elina Garanca, que debutará o 5 de outubro no festival cun concerto no que tamén participará a Sinfónica de Galicia baixo a batuta de Karel Mark Chichon.

O Festival acollerá ademais interesantes actividades paralelas, como conferencias, encontros cos protagonistas e proxeccións de películas e óperas en lugares como o Museo de Belas Artes e a Biblioteca da Deputación coruñesa.

A Consellería de Cultura e Educación colabora, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, coa nova edición deste Festival de Ópera da Coruña, que integra no seu cartel primeiras figuras e montaxes internacionais á par das mellores voces galegas e que se constitúe coma o certame lírico máis antigo de España.