Cultura e Educación enche de actividades as localidades da Rede de Dinamización Lingüística durante a fin de semana

A oferta de actividades de promoción do galego multiplícase nas entidades adheridas á Rede de Dinamización Lingüística, que recibirán durante a fin de semana os programas Rede Cinema, FalaRedes e Monólogos de serán

A película Vilamor proxectarase ao aire libre en Padrón, Ferrol, Santiago de Compostela, Baiona e Vilar de Santos; a caravaniña de Galego de Cine aparcará na Bola, Celanova e Quintela de Leirado e os Monólogos de serán estréanse en Ponteceso, O Grove e Castrelo de Miño

A Consellería de Vázquez Abad desprega unha ampla oferta de lecer en galego creando espazos de uso en galego e asociándoa a valores positivos, creativos e innovadores

Sáb, 08/09/2012 - 11:30
Cultura e Educación enche de actividades as localidades da Rede de Dinamización
Cultura e Educación enche de actividades as localidades da Rede de Dinamización Lingüística durante a fin de semana

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria desprega durante a fin de semana unha manchea actividades de promoción do galego destinadas ás entidades adheridas á Rede de Dinamización Lingüística (RDL). Os tres programas que o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad impulsa, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, levarán o cinema, a creación audiovisual e os monólogos a once localidades galegas desde o venres ata o domingo. Con elas busca promocionar o galego e crear espazos de uso a través de actividades dinámicas e innovadoras vencelladas ao tempo libre.

Cinema de verán para todos os públicos

Redecinema saca o cine fóra das salas comerciais para ofrecer en prazas representativas unha sesión de cinema en galego proxectando a película Vilamor. A creación galega dirixida por Ignacio Vilar, e que leva colleitado un grande éxito fóra e dentro das nosas fronteiras, recalará durante a fin de semana nos municipios de Padrón, Ferrol, Santiago de Compostela, Baiona e Vilar de Santos. Con ela, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, promove a lingua en lugares abertos e públicos ao mesmo tempo que impulsa a industria cultural do país. Á proxección de Santiago de hoxe na Praza da Quintana ás 22:00 horas, asistirá o secretario xeral de Política Lingüística e presidente da RDL, Valentín García.

Este programa, no que colaboran as deputacións de Pontevedra, de Ourense e da Coruña, está a levar a sétima arte en formato grande a 41 municipios da RDL desde o mes de agosto.

A lingua viaxa por Galicia en caravana

Se os maiores teñen garantido o seu espazo esta fin de semana, os cativos non poden ser menos. A sétima arte adaptada a eles chegaralles da man da actividade Galego de Cine, unha sesión de curtametraxes en galego dentro da sala de cinema máis pequena do mundo. Trátase dunha caravaniña de pequenas dimensións adaptada para darlle acubillo a unha vintena de pequenos, e na que poderán escoller entre unha ampla carteleira as pezas que desexan ver. A continuación, e inseridos polo inseparable Revisor das Palabras, entrarán nunha serie de xogos nos que, ademais de interactuar en galego, poderán comprender mellor a linguaxe audiovisual e o léxico específico de cada película. Cun par de horas de experiencia, todos os participantes darán o salto á fama mediante un videomatón, no que construirán a súa propia curtametraxe de maneira improvisada. Todas as gravacións penduraranse na web www.galegodecine.org, na que unha vez remate o programa, abrirase unha votación electrónica para escoller a mellor.

Galego de Cine, que leva ás súas costas milleiros de quilómetros percorrendo as 70 localidades nas que xa aparcou a súa caravana dende o comezo do programa FalaRedes, recalará na Bola, Celanova e Quintela de Leirado, dinamizando a lingua galega mediante a súa asociación á modernidade e ás novas tecnoloxías.

Humor en galego nos emprazamentos máis céntricos
O cómico Carlos Meixide estréase esta fin de semana cos seus primeiros Monólogos de serán. Intrépidas sesións de 50 minutos nas que a retranca e o humor galego saen á rúa da man de curiosidades léxicas e paradoxos da vida cotiá. Con eles, o departamento dirixido por Valentín García busca complementar as actividades culturais municipais ofertando sesións en galego para todos os públicos nas prazas e rúas máis concorridas dunha decena de municipios. A Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso terá a honra de acoller a primeira das actividades, que se trasladará despois ata o Grove e Castrelo de Miño.

Rede de Dinamización Lingüística

A Rede de Dinamización Lingüística é unha iniciativa impulsada polas administracións local e autonómica para mellorar na planificación e coordinación da dinamización lingüística en Galicia. Ampliar os usos da lingua galega, incrementar o seu prestixio social e favorecer a súa visibilidade nos distintos ámbitos sociais son os seus principais propósitos.

O diálogo entre o Goberno galego e os concellos supón unha nova dinámica de traballo que permite optimizar recursos, evitar as duplicidades e favorecer unha política dinamizadora máis eficaz. A Rede busca compartir unha planificación lingüística que defina estratexias básicas comúns en todo o territorio e sirva para compartir experiencias, materiais e informacións dos diferentes membros.

Neste intre, canda a Xunta de Galicia e estes concellos que reciben a súa programación de actividades durante a fin de semana, forman parte dela máis dun terzo das localidades galegas e mais as deputacións da Coruña, Pontevedra e Ourense. A elas súmanse o Consello da Cultura Galega; as mancomunidades Terras de Celanova, Fisterra, Ría de Arousa-Zona Norte e da Mariña Lucense; o Ilustre Colexio de Avogados de Santiago de Compostela e o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra.

Toda a información sobre as tres actividades está dispoñible no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega.