A Consellería de Cultura e Educación vela polo ensino no rural a través da eficiencia na xestión dos centros educativos

Os agrupamentos realizados garanten a viabilidade de moitos centros que, de outro xeito, non poderían conservarse

A Consellería suprimiu este ano só unha escola unitaria en Ourense, debido á súa baixa matrícula

Ven, 07/09/2012 - 14:42

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria mantén o seu compromiso coa conservación do ensino no rural galego, con atención especial aos casos das provincias de Lugo e Ourense, a través dunha xestión eficiente dos centros educativos. Neste sentido cómpre sinalar que os agrupamentos realizados nos colexios garanten a viabilidade de moitos centros que, de outro xeito, non poderían conservarse, debido á súa baixa matrícula.

Respecto das declaracións realizadas por algunhas organizacións sindicais cómpre sinalar que este ano só se suprimiu unha escola unitaria na provincia de Ourense, debido á súa baixa matrícula. No conxunto de Galicia suprimíronse 12 centros, un deles pechado desde metade de curso por non ter ningún alumno, mentres que o anterior goberno bipartito chegou a suprimir ata 28 centros en toda Galicia no ano 2006.

Agrupamentos

No que atinxe ao número de unidades, dos agrupamentos e a creación e habilitación de unidades resulta un saldo de 21 unidades menos que no curso 2011/2012, moi lonxe das cifras verquidas polos sindicatos cunha única intención de alarmar á sociedade. No que toca aos criterios para agrupar alumnos, a Inspección Educativa agrupou ata un máximo de 15 estudantes por aula en idades de 3 a 12 anos. Cómpre indicar que, co anterior goberno, se teñen dado casos dun número maior de alumnos agrupados por aula.

En todo caso a Consellería garante que todos os centros educativos contarán co persoal preciso para atender as necesidades do seu alumnado. De feito, nestes momentos no conxunto de Galicia xa hai 207 interinos máis contratados que na mesma data de 2011.