Anxo Lorenzo: “houbo un grande esforzo para escoitar a sociedade e para integrar propostas no proxecto de decreto”

O secretario xeral de Política Lingüística incide en que o texto presentado onte ao Consello Escolar garante a adquisición dunha competencia plena e semellante en galego e castelán e aposta polo máximo equilibrio entre as dúas linguas

Xov, 08/04/2010 - 13:37

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, asegurou hoxe que o espírito do proxecto de decreto para o plurilingüismo é  “ofrecer unha educación de calidade, garantir a adquisición das competencias en galego e castelán e introducir as linguas estranxeiras” no sistema educativo galego.

Durante unha entrevista no programa da TVG Bos días, Lorenzo lamentou que onte, na presentación do texto ao Consello Escolar de Galicia, algunhas organizacións vinculadas aos partidos da oposición política decidiran continuar coas súas prácticas de desgaste do Goberno, no canto de amosar a súa colaboración coa vontade da Consellería de Educación, a de “establecer un proxecto que teña o máis amplo consenso posible”.

Neste sentido, o titular de Política Lingüística anunciou que o seu departamento vai incorporar a metade das propostas feitas pola comisión permanente do Consello Escolar de Galicia no texto antes de presentalo ante o Consello Consultivo. Así mesmo, Anxo Lorenzo lembrou que, despois do trámite de audiencia realizado para recibir as suxestións dos axentes implicados, a Consellería de Educación fixo preto de 40 cambios sobre o borrador, co que quedou demostrado que “houbo un grande esforzo de escoitar a sociedade e integrar cambios para acadar o máximo consenso posible”.

Equilibrio cuantitativo e cualitativo entre galego e castelán

En todo caso, o secretario xeral de Política Lingüística resaltou que o proxecto do decreto para o plurilingüismo vai manter “o equilibrio horario e no número de materias, que é o obxectivo presente no texto desde o principio, desde o seu borrador”. Así, Anxo Lorenzo lembrou que a proposta da Consellería de Educación establece que as familias do alumnado de infantil indicarán a lingua materna dos seus fillos, e a partir desta información o profesorado establecerá o idioma predominante na aula.

Anxo Lorenzo tamén explicou a asignación lingüística que establece o proxecto de decreto para educación primaria e para educación secundaria obrigatoria, sempre respectando o máximo equilibrio entre galego e castelán. No primeiro caso, establécese a lingua vehicular para as materias con maior carga horaria: Coñecemento do medio, en galego, e Matemáticas, en castelán. En canto a educación secundaria obrigatoria, a asignación lingüística establécese nun total de seis materias: tres en galego (Ciencias Sociais, Xeografía e Historia; Ciencias da Natureza e Bioloxía e Xeoloxía) e outras tres en castelán (Matemáticas, Tecnoloxía, e Física e Química).

O secretario xeral incidiu en que o proxecto de decreto abre a porta a que os centros poidan impartir ata un terzo do seu horario nalgunha lingua estranxeira. Deste xeito, explicou Lorenzo, créase un marco para impulsar o plurilingüismo dun xeito progresivo.