A Xunta de Galicia pon en marcha a primeira edición dos cursos de linguaxe administrativa e xurídica en liña de nivel superior
A Secretaría Xeral de Política Lingüística, as direccións xerais de Administración Pública e de Xustiza e mais a EGAP presentaron hoxe esta formación en liña de nivel superior que lle dá continuidade aos cursos de nivel medio postos en marcha en 2011
Nesta primeira edición realizaranse 12 cursos de linguaxe administrativa e xurídica en liña de nivel superior entre os meses de setembro e decembro de 2012
A Xunta de Galicia porá en marcha a partir do vindeiro luns, 10 de setembro, a primeira edición dos cursos de linguaxe administrativa e xurídica en liña de nivel superior, dirixidos a seguir capacitando lingüisticamente o persoal público. Estes cursos de nivel superior danlle continuidade á formación en linguaxes específicas de nivel medio posta en marcha pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en 2011, en colaboración coa Escola Galega de Administración Pública (EGAP), na que xa participaron máis de 800 traballadores e traballadoras da Administración pública na modalidade de teleformación.
Á presentación destes novos cursos tivo lugar esta mañá na EGAP, e nela estiveron presentes o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; o director xeral de Administración Local, José Norberto Uzal Tresandí e a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos González.
García Gómez recordou “a necesidade de formar lingüisticamente e de xeito continuo o persoal que traballa ao servizo das administracións para poder ofrecerlle á cidadanía uns servizos de calidade, o que implica empregar un modelo de lingua profesional, clara e coherente coas necesidades da sociedade actual”.
Pola súa banda Rodríguez-Campos salientou que en colaboración coa EGAP, desde o ano 2009 se convocaron 4.650 prazas para empregados públicos, coa impartición de 11.625 horas lectivas nas que se incorporaron á modalidade de teleformación ambos os dous niveis de linguaxe administrativa e xurídica, ademais de publicar o Manual básico de documentación administrativa e xurídica. Colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística que, segundo explicou a directora da EGAP, se extenderá a outras actividades, tanto formativas como divulgativas, para facer realidade a normalización lingüística para a toda a cidadanía galega.
Oferta formativa
Nesta primeira edición realizaranse 12 cursos de linguaxe administrativa e xurídica de nivel superior entre os meses de setembro e decembro de 2012. Os cursos están dirixidos ao persoal das administracións autonómica (7 cursos), local (4 cursos) e de xustiza (1). Esta formación en liña verase complementada con 21 cursos máis de linguaxe administrativa, 13 de nivel medio e 8 de nivel superior, que a Consellería de Cultura e Educación vén de convocar nas escolas oficiais de idiomas de Galicia, e que se impartirán baixo a modalidade presencial.
Aprendizaxe a través de aulas virtuais
A metodoloxía dos cursos superiores de linguaxe administrativa e xurídica organizados pola Xunta de Galicia combina contidos teóricos e actividades prácticas. Os primeiros, distribúense en bloques temáticos -oralidade, gramática, redacción e estilo, léxico, contorno sociolingüístico e documentación- que se traballan mediante exercicios de autorresolución, co asesoramento e apoio do profesorado encargado da súa titorización.
A realización das actividades contempladas no programa élle requirida ao alumnado para presentarse ás probas de acreditación (escrita e oral) que teñen lugar na EGAP, en Santiago de Compostela, ao remate das 75 horas de duración do curso.
Calidade e claridade lingüística
A finalidade dos cursos é formar o persoal ao servizo da Administración para garantir a utilización dun galego de calidade e dunha linguaxe clara cos administrados e coas administradas. Na súa consecución traballan coordinadamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Escola Galega de Administración Pública, a Dirección Xeral de Xustiza, a Dirección Xeral de Administración Local e o Instituto Nacional de Administración Pública.
Toda a información sobre a formación en galego en liña está no web http://www.xunta.es/linguagalega/formacion_virtual.
Titorización especializada
A Administración autonómica, por medio da consellería dirixa por Vázquez Abad, desenvolve actividades formativas especializadas destinadas especificamente ao profesorado colaborador encargado da titorización en liña desta formación. Faino mediante a organización periódica de xornadas de actualización metodolóxica e didáctica, que teñen como obxectivo principal garantir a calidade docente dos cursos ofertados.
Na última delas, que tivo lugar o pasado sábado 1 de setembro, participaron os formadores encargados da titorización destes novos cursos de linguaxes específicas de nivel superior.
Plan de formación en galego 2012
Os cursos en liña de linguaxes específicas en galego, nos seus niveis medio e superior, son actuacións que integran, canda os cursos preparatorios e as probas Celga, o Plan de formación en galego 2012 impulsado desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Nel, a Xunta de Galicia aposta polo emprego das tecnoloxías da información e da comunicación para darlles resposta ás necesidades de formación en galego da sociedade actual.