Cultura e Educación colaborará coa Universidade de Santiago de Compostela para impulsar o Campus Vida coa construción do centro de biomedicina experimental

A Consellería achegará máis de 1 millón de euros para este proxecto

Xov, 06/09/2012 - 17:15

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria achegará á Universidade de Santiago de Compostela (USC) 1.059.478 euros para impulsar a construción do Centro de Biomedicina Experimental (Cebega), un dos que conforman a Rede de Centros Singulares de Investigación, proxectados no marco do Campus de Excelencia Internacional ‘Campus Vida’, co fin de consolidar un polo académico e científico de referencia internacional.

O Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace á sinatura do acordo coa USC para contribuír á construción deste centro, orientado a centralizar e satisfacer a demanda de animais de laboratorio de calidade, definidos sanitaria e xeneticamente, así como de infraestruturas singulares para a realización das máis avanzadas técnicas de experimentación biomédica baseada en modelos animais.

Polo de referencia

O centro prestará servizo a todos os axentes do bioclúster integrados no Campus Vida, e particularmente a grupos de investigación universitaria das tres universidades, centros hospitalarios de Galicia, organismos públicos de investigación e o sector empresarial no ámbito da biomedicina e da biotecnoloxía. As instalacións situaranse no contorno do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS).

A través deste convenio, a Consellería dá unha nova mostra do seu compromiso coa formación de investigadores e profesionais de alto nivel nas universidades galegas. En concreto, contribúese a favorecer que o Campus de Excelencia Internacional ‘Campus Vida’ da USC avance na súa decidida vocación de se converter nun dos primeiros clústers biotecnolóxicos a nivel europeo. O Cebega xúntase ao Hospital Veterinario Rof Codina e ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela para completar a infraestrutura de investigación do SUG nesta materia.