Xesús Vázquez Abad asistiu aos actos de conmemoración do Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, que se celebraron hoxe en Santiago

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria acudiu á presentación do libro ‘En el camino nos encontraremos. El secreto de mi hijo’ de Rocío Testa, nai dun neno afectado polo Síndrome

Mér, 07/04/2010 - 14:49
Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu hoxe á celebración do Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo organizado pola Federación Autista Galicia, en Santiago de Compostela

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu hoxe á celebración do Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo organizado pola Federación Autista Galicia, en Santiago de Compostela.

Os actos encádranse dentro da iniciativa da Organización Mundial do Autismo, (OMA), que, en Santiago, consistiu nunha camiñada desde a Porta do Camiño ata a Praza do Obradoiro. Un encontro no que participaron preto de 300 persoas entre rapaces e rapazas con Trastornos do Espectro Autista (TEA) de toda Galicia, acompañados polas súas familias, así como por voluntarios e traballadores dos centros que prestan servizo as persoas afectadas por estes trastornos. Todos eles percorreron as rúas das Casas Reais, Cervantes, a Acibechería, a praza da Inmaculada, e o arco do Pazo, para rematar no Obradoiro.

Os camiñantes foron recibidos polos representantes da Federación Autismo Galicia, entre os que se atopaban os seu presidente, Antonio de la Iglesia Soriano. A Federación engloba a doce asociacións e fundacións de pais nais, titores e profesionais de Persoas con Trastornos do Espectro Autista (TEA) da Comunidade Autónoma de Galicia.

Manifesto conmemorativo

Posteriormente todos eles asistiron á lectura dun manifesto en nome da OMA, no que se destacou que: “Superando a  primeira década do século XXI, non se pode esgrimir ningunha razón válida para continuar mantendo máis ou menos na sombra un  colectivo – o das persoas con autismo - que ata a data, salvo en honrosas excepcións segue dependendo do esforzo diario das propias familias.”

O acto rematou coa presentación do libro ‘En el camino nos encontraremos. El secreto de mi hijo’  ópera prima de Rocio Testa que narra a experiencia vital como nai dun neno con autismo.