Catro estudantes galegos reciben en Madrid os premios nacionais 2007/2008 de Bacharelato e Formación Profesional
O director xeral de Centros e Recursos Humanos asistiu á entrega dos recoñecementos nun acto celebrado na Biblioteca Nacional, en Madrid
Catro estudantes galegos de Formación Profesional e Bacharelato viron recoñecidos hoxe os seus esforzos durante o curso 2007-2008 ao recibir de mans do ministro de Educación, Ángel Gabilondo, os Premios Nacionais relativos a ambas ramas de estudos. No acto celebrado en Madrid, na sede do Consello Superior de Investigacións, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria estivo representada polo director de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal.
Os premiados recibiron de mans do titular de Educación un diploma acreditativo do premio, dotado con 1.200 euros. Ademais todos, en total 41 premiados en todo o territorio nacional, terán unha mención especial nos seus expedientes nos que quedará reflectido que obtiveron os Premios Nacionais.
No caso dos premiados en Bacharelato, entre os quince finalistas foi distinguido o traballo desenvolvido por Alejandro Rivero de Aguilar Pensado, do IES Rosalía de Castro, en Santiago de Compostela; e por David Viso Vidal, do IES As Lagos de Ourense.
Por outra banda, en Formación Profesional de Grao Superior entre os 26 galardoados destacan as galegas Vanessa Nimo Fernández, alumna do ciclo formativo de grao superior de Química ambiental no CIPF Politécnico de Santiago, e Ana María Millán Oubiña, alumnas de Produción acuícola no IGAFA- Instituto Galego de Formación en Acuicultura de A Illa de Arousa. Ambos centros educativos son un referente destas familias profesionais a nivel da Comunidade Autónoma e do Estado.
Estes Premios Nacionais foron creados como recoñecemento relevante dos alumnos e alumnas de Formación Profesional Específica de grao superior, unha convocatoria onde cada Comunidade Autónoma podía presentar un estudante por cada familia profesional. O xurado tivo en conta non só o expediente, senón os méritos académicos e profesionais dos participantes.