Cultura e Educación congrega especialistas en literatura infantil e xuvenil nun seminario internacional organizado polo Centro Ramón Piñeiro
Valentín García saudou os membros da Rede Temática de Literaturas Infantís e Xuvenís do Ámbito Ibérico e Iberoamericano, que hoxe conclúen o encontro literario que celebran anualmente en Galicia
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través doCentro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH), adscrito á Secretaría Xeral de Política Lingüística, foi durante onte e hoxe a anfitrioa da xuntanza científica que desenvolve con periodicidade anual en Galicia a Rede Temática de Literaturas Infantís e Xuvenís do Ámbito Ibérico e Iberoamericano.
O seminario internacional, que chega este ano á súa IX edición, centrouse nessta ocasión nas novas funcións que adquiren hoxe en día os premios e certames arredor das literaturas infantís e xuvenís, e nel tomaron parte expertos dos ámbitos brasileiro, norteamericano, portugués, mexicano e castelán, aos que acompañou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, na sesión de hoxe.
“A literatura infantil e xuvenil e os premios literarios a debate”
Así, durante dous días tivo lugar cadansúa xornada de reunións e debates arredor das devanditas cuestións vencelladas ás literaturas infantís e xuvenís, combinadas con diferentes relatorios programados sobre a literatura xuvenil nos ámbitos das linguas.
Ao remate, os representantes dos países participantes tiveron ocasión de expoñerlle aos asistentes unha panorámica propia acerca da situación actual da literatura xuvenil nos seus países de orixe, nunha sesión que se celebrou na biblioteca compostelá Novacaixagalicia.
Entidades organizadoras
A Rede Temática de Literaturas Infantís e Xuvenís do Ámbito Ibérico e Iberoamericano integra un grupo de investigación interdisciplinar formado por docentes de varias universidades de España, Portugal e Iberoamérica, que estudan a produción, recepción e mediación das lecturas textuais e visuais destinadas á infancia e á xuventude. Fano coordinados por Blanca-Ana Roig Rechou, a directora do proxecto de investigación Informes de literatura que desenvolve a consellería dirixida por Xesús Vázquez Abad, a través do CRPIH, entidade co-organizadora do encontro. Canda a mencionada Rede Temática de Literaturas Infantís e Xuvenís do Ámbito Ibérico e Iberoamericano, tamén participa nel o Grupo de Investigación LITER21, da Universidade de Santiago de Compostela.
Proxectos de investigación literaria
A Rede Temática creouse no marco do primeiro encontro de Investigadores do Marco Ibérico, que tivo lugar precisamente no CRPIH. Este centro, adscrito á Secretaría Xeral de Política Lingüística, desenvolve varios proxectos arredor da liña de investigación sobre a literatura, entre eles Informes de literatura –un observatorio da literatura galega que acolle a produción anual de e sobre narrativa, poesía, teatro, celebración das Letras Galegas, ensaio, literatura infantil e xuvenil, literatura de transmisión oral etc– e Dicionarios de literatura –no marco do que se está a elaborar un gran dicionario xeral de termos literarios, do que sairán outros máis especializados de cada unha das disciplinas ou áreas deste campo–.