Os escolares galegos que realizaron a avaliación de diagnóstico mostran mellores competencias lingüísticas que matemáticas
Preto de 42.900 escolares realizaron estas probas no mes de outubro
Os escolares galegos mostran mellores niveis de competencia lingüística ca de competencia matemática, cuns niveis máis altos ao rematar a educación primaria que en secundaria. Son indicadores xerais obtidos dunha primeira análise das probas de Avaliación de Diagnóstico desenvolvidas en 1.090 centros escolares galegos o pasado mes de outubro.
Preto de 42.900 escolares galegos que o curso 2008/2009 estiveron escolarizados nos cursos de 4º de primaria e 2º da ESO realizaron esta avaliación, que se efectúa, tal e como determina a Lei Orgánica de Educación (LOE), ao finalizar o segundo ciclo de educación primaria e os segundo curso de educación secundaria obrigatoria. Estas probas cumpren cunha función de transparencia e de reflexión sobre o funcionamento do sistema educativo. Por outra banda, a súa implantación facilítalle á Administración educativa a orientación das políticas educativas, así como a posta en marcha de actuacións dirixidas á revisión e mellora do sistema.
A finalidade da Avaliación de Diagnóstico é a de obter información sobre o nivel de desenvolvemento dos alumnos e alumnas nas competencias básicas, nesta ocasión nas materias de matemáticas, lingua galega e lingua castelá. Ademais, o alumnado tivo que resolver situacións que probaran a súa capacidade para aplicar os coñecementos á comprensión da realidade nos seus diversos contextos, e á resolución de problemas prácticos xerados na vida cotiá.
Das probas realizadas aos escolares que cursaron o ano pasado 4º de Primaria, dedúcese que mostran mellores competencias para as linguas galega e castelá que para as matemáticas; unha tendencia que se repite no caso dos que finalizaron o curso pasado o primeiro ciclo da ESO. Por outra banda, os niveis acadados son máis altos en Primaria ca en 2º da ESO.
Apoio e reforzo escolar
Estes indicadores constitúen unhas liñas xerais que serven á Consellería de Educación para orientar os plans de apoio e reforzo escolar. Con todo, o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad está a realizar un informe para cada centro no que os equipos directivos terán información sobre as tendencias rexistradas no conxunto do seu alumnado, co fin de que poidan actuar en consecuencia nos seus proxectos didácticos. Porén, en ningún caso se proporcionará información individualizada do alumnado, respectando a súa confidencialidade en todo momento.