Orde do 22 de marzo de 2010 pola se aproban as bases e se procede á convocatoria de axudas a estudantes universitarios para estadías nalgún Estado membro da Unión Europea, durante o verán de 2010, co obxecto de coñecer a lingua dese país
Poderán solicitar estas axudas o alumnado universitario que cumpra os seguintes requisitos:
- Estar matriculado/a no curso 2009/2010 en calquera das universidades do sistema universitario de Galicia, ou nos centros asociados da UNED en Galicia en estudos conducentes ao título de grao, licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, mestre, enxeñeiro técnico, arquitecto técnico ou nun máster universitario.
- Ter superado no momento de presentación da solicitude 60 créditos en titulacións de 1º ciclo ou 120 créditos en titulacións de grao e de 1º e 2º ciclo, e no caso de máster universitario ter superados os estudos da titulación correspondente que dá acceso a el.
- Atoparse matriculado, nos plans de estudos estruturados por créditos, como mínimo en 50 créditos, incluído neles o proxecto fin de carreira. Para os estudos de máster universitario, estar matriculado dun mínimo de 60 créditos, nun máster universitario de carácter presencial impartido nas universidades de Santiago de Compostela, A Coruña ou Vigo no curso 2009-2010.
- Posuír unha nota media no seu expediente académico igual ou superior a 1,50 puntos, calculada cos parámetros publicados por resolución da Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de marzo de 2005, DOG do 23 de marzo. No caso de alumnos de ensinanzas técnicas, a nota obtida polo alumno multiplicarase por un coeficiente corrector de 1,35 puntos.
- O curso de idiomas debe ter unha duración mínima de tres semanas, cun mínimo de 15 horas lectivas semanais. O idioma que se desexe cursar deberá corresponderse co idioma oficial do país elixido.
- Quedan excluídos desta convocatoria os alumnos que xa resultasen beneficiarios desta axuda en anteriores convocatorias e os/as alumnos/as que durante o curso 2009/2010 sexan adxudicatarios dunha bolsa do programa comunitario de mobilidade Erasmus, sempre e cando a estadía que pretendan realizar sexa para perfeccionar a lingua oficial do país en que se está a desenvolver o dito programa.
Período da solicitude:
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
As listaxes provisionais serán expostas o día 3 de xuño. Os interesados disporán dun prazo de reclamación comprendido desde o día 4 ao día 14 de xuño de 2010, ambos os dous incluídos, podendo durante ese prazo formular reclamacións ou emendar erros e falta de documentación ante a Secretaría Xeral de Universidades, presentando, se é o caso, a documentación necesaria.