Orde do 22 de marzo de 2010 pola se aproban as bases e se procede á convocatoria de axudas a estudantes universitarios para a asistencia a congresos, simposios, seminarios ou similares
Poderán solicitar estas axudas o alumnado universitario que cumpra os seguintes requisitos:
- Estar matriculado no curso 2009/2010 en calquera das universidades do Sistema Universitario de Galicia ou nos centros asociados da UNED en Galicia, no derradeiro curso de estudos conducentes ao título de grao, licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, mestre, enxeñeiro técnico, arquitecto técnico ou nun máster universitario.
- Atoparse matriculado, nos plans de estudos estruturados por créditos, como mínimo en 50 créditos, incluído neles o proxecto fin de carreira. Para os estudos de máster universitario, estar matriculado dun mínimo de 60 créditos, nun máster universitario de carácter presencial impartido nas universidades de Santiago, A Coruña ou Vigo no curso 2009/2010.
- Posuír unha nota media no seu expediente académico igual ou superior a 1,50 puntos, calculada cos parámetros publicados por Resolución da Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, do 15 de marzo de 2005, DOG do 23 de marzo. No caso de alumnos de ensinanzas técnicas, a nota obtida polo alumno multiplicarase por un coeficiente corrector de 1,35 puntos.
- O congreso, seminario, simposio ou similar, deberá estar organizado por universidades públicas, privadas ou outras institucións de recoñecido prestixio académico no que se traten aspectos relacionados coas materias obxecto dos estudos que están a realizar.
- Que as actividades teñan unha duración mínima de 24 horas acreditadas pola entidade organizadora.
- Non ser beneficiarios desta axuda en anteriores convocatorias.
Período da solicitude:
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
As listaxes provisionais serán expostas o día 3 de xuño. Os interesados disporán dun prazo de reclamación comprendido desde o día 4 ao día 14 de xuño de 2010, ambos os dous incluídos, e durante ese prazo poderanse formular reclamacións ou emendar erros e falta de documentación ante a Secretaría Xeral de Universidades, presentando, se é o caso, a documentación necesaria.