Cultura e Educación arranca a segunda etapa de ‘FalaRedes’ con máis dun cento de sesións destinadas a concellos da Rede de Dinamización

A Consellería dirixida por Vázquez Abad despregará 119 pases máis de ‘Galego de cine’, ‘Titerehop’ e ‘O Señor das dunas’ entre os meses de setembro e decembro

O programa comeza súa segunda quenda de desenvolvemento esta fin de semana levando a caravana da lingua ás localidades de Muíños, Ribas de Sil e A Pobra do Brollón

Dom, 02/09/2012 - 11:30
Cultura e Educación arranca a segunda etapa de ‘FalaRedes’ con máis dun cento de
Cultura e Educación arranca a segunda etapa de ‘FalaRedes’ con máis dun cento de sesións destinadas a concellos da Rede de Dinamización

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria inicia o mes de setembro coa posta en marcha da segunda fase de desenvolvemento do programa de dinamización lingüística FalaRedes, impulsado polo departamento dirixido por Vázquez Abad, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Así, e segundo o previsto na planificación do programa, as localidades pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, comezan a recibir, a partir destes días, outras 119 sesións das tres actividades gratuítas que conforman FalaRedes.

‘Galego de cine’ en Muíños, Ribas de Sil e na Pobra do Brollón

Os máis pequenos de Muíños, Ribas de Sil e A Pobra do Brollón poden gozar durante a fin de semana dunha sesión chea de filmes en galego na sala de proxeccións máis pequena e peculiar do país. A caravana reconvertida en cinema dálle acubillo á xente máis miúda da casa para entreterse e para aprender con máis dunha ducia de curtametraxes en galego, escollidas previamente na súa carteleira. É o “revisor das palabras”, condutor da actividade, o encargado e introducilos nunha serie de dinámicas orientadas a comprender a linguaxe audiovisual mediante a interactuación en galego. A sesión remata co salto á fama dos asistentes, que participan nun vídeo-matón para confeccionaren unha curtametraxe colectiva.

Todas as experiencias da fin de semana -canda ás de todos os participantes nas sesións que leva desenvolto Galego de Cine dende o mes de marzo- están accesibles no web www.galegodecine.org, no que se abrirá ao remate do programa -en decembro- un concurso con votación electrónica para determinar as mellores gravacións, que terán premios.

Contador de historias ilustradas e obradoiros de hip hop

As outras dúas actividades de FalaRedes incorporaranse ao longo deste mes á ruta polos concellos da RDL. O Señor das dunas fará gozar ao público de todas as idades co seu contador de historias e co seu ilustrador de area. Títerehop fará rapear aos adolescentes introducíndoos na arte dos monicreques, da man do rapeiro García MC e mais dos monicrequeiros de Viravolta.

‘FalaRedes’

O programa de dinamización lingüística ‘FalaRedes’ constitúe a primeira programación  que a Consellería, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, destina especificamente ás entidades adheridas á RDL.

De marzo a decembro estanse a desenvolver un total de 250 accións dinamizadoras de ‘FalaRedes’ por un cento de municipios. Toda a información e mais o novo calendario de actividades por concellos se poden consultar en www.xunta.es/linguagalega/falaredes e tamén nas redes sociais.

Ampla programación de actividades da Rede de Dinamización Lingüística

Ademais de FalaRedes, a RDL conta neste momento con outro programa de cinema de verán, Redecinema (http://www.xunta.es/linguagalega/redecinema), que está a chegar a 40 localidades entre agosto e setembro, da man das deputacións da Coruña, Pontevedra e Ourense e mais da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

A partir da vindeira semana os concellos recibirán unha nova iniciativa coa que o departamento de Vázquez Abad lle está a dar cumprimento á Programación anual de actividades para o ano 2012, que o Consello de Membros da RDL aprobou o pasado mes de decembro en sesión ordinaria, a proposta da súa Área Técnica, e coa que a RDL suma xa unha ampla oferta de actividades de lecer destinada á cidadanía galega.