O V Seminario de Dinamización Lingüística no ensino incide nas vantaxes das TIC para fomentar o galego no ámbito educativo

Esta iniciativa da Secretaría Xeral de Política Lingüística busca favorecer a integración das novas tecnoloxías nas actividades de promoción do uso do galego que desenvolven os centros

Dom, 28/03/2010 - 17:34

A Secretaría Xeral de Política Lingüística organizará durante os meses de abril e maio o V Seminario de Dinamización Lingüística no Ensino, unha iniciativa que busca favorecer a integración das novas tecnoloxías nas actividades que se desenvolven nos centros educativos para fomentar o uso da lingua galega.

O seminario, que terá lugar nas sete cidades galegas, tamén servirá de escenario onde compartir as experiencias normalizadoras e dinamizadoras máis positivas que se están a desenvolver en distintos centros educativos galegos.

As novas tecnoloxías, unha oportunidade para impulsar o uso do galego

A través deste seminario, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo quere contribuír á formación dos membros e coordinadores/as dos equipos de normalización e dinamización lingüística (ENDL) dos centros nos novos coñecementos e competencias dimanantes desta era dixital, que obrigou a actualizar os paradigmas tradicionais de acceso e xestión da información, o xeito de comunicármonos e as metodoloxías de aprendizaxe.

Este novo tempo que se impón arestora nas aulas é unha oportunidade para a didáctica e a promoción da lingua galega a través da realización de actividades interdisciplinares, modernas, colaborativas e, sobre todo, atraentes para o noso alumnado.

Inscrición e datas

O criterio preferente de selección para poder asistir a estas xornadas será a pertenza a un ENDL, que deberá certificarse mediante mensaxe electrónica do director ou directora do centro ao CFR correspondente.

Do día 20 ao 22 de abril e do 27 ao 29, o V Seminario de Dinamización Lingüística no Ensino terá lugar nas cidades de Vigo, A Coruña e Lugo. A data límite de inscrición será o 12 de abril. En Ourense, Ferrol e Pontevedra, o seminario realizarase os días 4, 5, 6, 11, 12 e 13 de maio. Mentres que en Santiago de Compostela as datas serán o 4, 5, 6, 11, 12 e 18 de maio. En todas estas cidades o prazo límite para a inscrición será o 23 de abril.

As inscricións poderán realizarse a través de https://www.edu.xunta.gal/fprofe.