Política Lingüística editará novos traballos de investigación sobre o galego froito dos proxectos do Centro Ramón Piñeiro

Anxo Lorenzo reuniuse coa comisión científica do Centro Ramón Piñeiro, organismo dependente da secretaría xeral que desenvolve programas galegos de estudos lingüísticos, literarios, históricos e antropolóxicos

Dom, 28/03/2010 - 16:29

O responsable da Secretaría Xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, vén de reunirse cos directores dos proxectos de investigación sobre o galego que está a desenvolver o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Froito destes traballos, a secretaría xeral publicará nos próximos meses diversas obras de investigación sobre o galego, entre as que se atopan un dicionario galego-latino e outro de bioloxía, novos números da colección Cadernos Ramón Piñeiro con epistolarios de Ramón Piñeiro e Ramón Cabanillas e varias obras sobre literatura medieval galeportuguesa, como un vocabulario trobadoresco, entre outras.

Liñas de estudo sobre a lingua galega

O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística, está encargado de promover, desenvolver e dar difusión a proxectos e programas galegos de estudos lingüísticos, literarios, históricos e antropolóxicos.

Na actualidade, o Centro Ramón Piñeiro centra as súas liñas de investigación en proxectos de lingüística con aplicacións informáticas, estudos de prosa e poesía medieval, recuperación e análise de publicacións literarias, estudos de fraseoloxía, proxectos de antropoloxía referidos á identidade colectiva e outros como o Corpus documentale latinum gallaeciae.

Entre os últimos traballos publicados deste organismo atópase Celebración de Uxío Novoneyra (1930-1999), unha homenaxe ao autor ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas que achega case medio cento de prosas inéditas do escritor, ademais doutros documentos como o seu expediente académico, caligrafías, mecanoscritos e textos de autopoética, entre outros.

Avanzar no ámbito da investigación

A través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo busca avanzar no proceso de investigación que se está a levar a cabo actualmente sobre os diversos aspectos da lingua galega, incidindo no estudo filolóxico e de conservación das fontes lingüísticas, literarias e antropolóxicas, que permitan unha investigación profunda da nosa historia lingüística e  literaria