Preto de 7.000 persoas realizan as probas de acceso a ciclo superior de Formación Profesional en Silleda
Este ano preséntanse aos exames 2.300 aspirantes máis que na convocatoria anterior
Preto de 7.000 aspirantes reúnense hoxe para realizar as probas de acceso aos ciclos formativos de grao superior, convocadas hoxe no pavillón número 1 de Silleda, de forma centralizada. Esta cifra - 6.953 inscritos- supón un incremento de uns 2.300 participantes con respecto ás probas do ano pasado. Dos inscritos, 6.719 participantes - o 96,2 %- son galegos e galegas; mentres que o 3,8% restante - 266 participantes- procede de outras Comunidades Autónomas.
Estas probas constitúen unha importante vía de acceso aos estudos de ciclo superior de Formación Profesional, xa que están dirixidas a aquelas persoas que non cumpran os requisitos académicos esixidos para acceder ao grao superior. Deste xeito, facilítase o acceso a quen teñan cumpridos dezanove anos ou os cumpran no ano natural de celebración da proba; ou cumpran ou teñan cumpridos dezaoito anos no ano natural de celebración da proba, sempre e cando dispoñan dun título de técnico - grao medio- que pertenza a algunha familia profesional incluída na opción que quere cursar en ciclo superior.
O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luis Mira Lema, desprazouse ata Silleda para supervisar o proceso polo que se desenvolven estes exames. Durante a súa visita ao pavillón, o director xeral amosouse satisfeito por que “un evento desta magnitude, tan complexo de organizar, se estea a desenvolver con total normalidade”. Por este éxito, felicitou ás máis de 140 persoas que contribuíron hoxe á organización e vixilancia das probas de acceso, na súa gran maioría persoal da Dirección Xeral da que José Luis Mira é responsable.
Unha aposta pola Formación Profesional
O director xeral de Educación destacou en Silleda que o incremento dos inscritos nestas probas deixa patente que a Formación Profesional xa non está a ser “unha opción mais para as persoas” senón que se está mostrando “como unha prioridade”.
Neste sentido, lembrou que a Educación está a desenvolver a normativa precisa para dispor “dunha oferta formativa flexible e de calidade, que dea resposta aos intereses das persoas, pero sobre todo ás NECESIDADES do TECIDO PRODUCTIVO de Galicia”. Non en balde, a Consellería conta cunha rede de 252 centros nos que se imparten ciclos formativos, dos cales 11 son Centros Integrados de FP, que imparten ademais formación para o emprego, contribuíndo á cualificación e recualificación das persoas ao longo da vida.
“A cualificación das persoas, a través dos ciclos formativos da Formación Profesional, estase a mostrar como unha vía importantísima para a inserción laboral e a mellora da produtividade e da competitividade das nosas empresas, sen esquecer, a preparación para o traballo por conta propia como autónomo”, resumiu José Luis Mira.
Desenvolvemento dos exames
A proba á que se deben someter hoxe os aspirantes consta de dúas partes. A primeira delas, a común, organízase en tres materias, lingua galega, lingua castelá, e matemáticas. Na parte específica, os candidatos deben demostrar os seus coñecementos sobre dúas das tres materias vencelladas á opción elixida no momento da inscrición na proba. Tres eran as opcións posibles para o alumnado, unha delas unida ás materias de economía da empresa, lingua estranxeira (inglés ou francés), e filosofía e cidadanía; outra ás de debuxo técnico, tecnoloxía industrial e física; e unha terceira vinculada ás ciencias da terra e ambientais, química e bioloxía.
As persoas inscritas puideron solicitar a exención da parte específica da proba acreditando ter superado un ciclo formativo de grao medio que pertenza a algunha das familias profesionais incluídas na opción pola que se presenta; dispor dun certificado de profesionalidade de nivel 2 ou superior dalgunha das familias profesionais incluídas na opción pola que se presenta; ou ter, como mínimo, un ano de experiencia laboral en xornada completa en campos profesionais que se correspondan cos estudos que se pretenda cursar.