A Consellería de Educación e Caixanova recoñecen o traballo de corenta estudantes da eso cos premios extraordinarios ao rendemento académico e ao esforzo e superación persoal
O conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, entregou os galardóns nun acto celebrado no Conservatorio de Música de Santiago de Compostela
Corenta estudantes gañadores dos premios extraordinarios de Educación Secundaria Obrigatoria ao rendemento académico, e ao esforzo e superación persoal correspondentes ao curso 2008-2009 viron hoxe recoñecido o seu traballo no acto de entrega de galardóns celebrado hoxe no Conservatorio de Música de Santiago de Compostela. O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, felicitou aos rapaces e rapazas, polo que cualificou como un “merecido recoñecemento ao seu esforzo, ao seu traballo e aos seus méritos”; e destacou que os homenaxeados son "un exemplo de que o noso sistema educativo que non só funciona, senón promove a excelencia".
Vázquez Abad presidiu o acto de entrega acompañado do director da Obra Social de Caixanova, Guillermo Brea; entidade que participa nestes premios a partes iguais con Educación, e á que agradeceu “a colaboración prestada na convocatoria destes galardóns, e na organización deste acto, que ademais de merecido, entendo que é necesario porque pode servir de aliciente para o alumnado en xeral”. Ademais destes galardóns, Caixanova tamén colabora coa Consellería no desenvolvemento doutras iniciativas, entre as que destacan a convocatoria dos Premios de Interpretación Musical e a posta en marcha do taller de teatro Teatronova-Obradoiro na Escola Superior de Arte Dramática (ESAD).
Implicación da comunidade escolar
O conselleiro de Educación fixo especial mención ao papel protagonista que toda a comunidade escolar, “alumnado, familias, profesorado e administración”, debe ter na responsabilidade que supón a educación dos cidadáns do futuro. Deste xeito, Vázquez Abad felicitou ás familias dos galardoados “porque, sen dúbida, son un referente para acadar este logro. O ensino non pode encerrarse entre os muros da escola ou do instituto, necesita a implicación de todos, día tras día apoiando os vosos bos e malos momentos”, destacou.
Igualmente, o Vázquez Abad aludiu ao traballo do profesorado, “que coa súa actividade encamiña as inquietudes e as capacidades de cada unha das persoas premiadas”. “Estes premios, pois, -resumiu- son un recoñecemento tamén ao seu labor desinteresado”.
Educación, “a mellor inversión de futuro”
Por outra banda, o responsable de Educación non esqueceu a responsabilidade da administración, ao explicar que “aos poderes públicos aos que nos corresponde dotar dos medios e recursos necesarios para acadar a calidade do ensino a que aspiramos". Así mesmo, incidiu na satisfacción que supón para o seu departamento esta tarefa, que cualificou como “a mellor inversión de futuro”.
Como galardón, os premiados -vinte na categoría de rendemento académico, e outros vinte na de esforzo e superación persoal- recibiron un ordenador portátil e un diploma acreditativo. Porén, o verdadeiro espírito deste acto de homenaxe impulsado pola Consellería e Caixanova é dar pulo á educación de calidade en Galicia, co obxectivo de conseguir un sistema de ensino baseado na responsabilidade individual, o mérito e o esforzo persoal. Ademais, foméntase o desenvolvemento da capacidade do alumnado para regular a súa propia aprendizaxe e a confiar nas súas aptitudes e coñecementos, na súa creatividade, iniciativa persoal e espírito emprendedor.