Que é?
O Plan Proxecta+ é unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Universidade en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que fomenten o traballo cooperativo, interdisciplinar e competencial pero que ademais estean comprometidos coa consecución dos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030.
Trátase dun plan que busca un avance nas dinámicas de mellora da calidade educativa e favorecer a innovación nos propios centros a través de programas externos que leven á motivación e ao traballo activo, cooperativo e en rede, do alumnado e do profesorado implicado. Para iso, un dos principais obxectivos deste plan é promover a realización de proxectos interdisciplinarios que poidan servir de modelo de traballo ou de boa práctica, tanto para o propio centro en que se orixinan como para o resto da comunidade galega.
Con este plan preténdese a colaboración interdepartamental e interdisciplinar que promova a innovación adaptada aos recursos e obxectivos específicos de cada centro e suporá un compromiso de todas as persoas e institucións implicadas e un dobre recoñecemento para os centros, para as persoas coordinadoras e para o profesorado participante. Por unha parte, os resultados dos proxectos realizados terán visibilidade para o resto da comunidade educativa galega nos espazos web da Consellería . Por outra, o profesorado que participe activamente neste plan recibirá unha certificación de innovación educativa e terá a posibilidade de publicar as mellores experiencias.
Liñas estratéxicas
Estas actuacións deben ter en común 4 liñas estratéxicas básicas de actuación que axuden a:
-
Desenvolvemento de iniciativas vinculadas aos obxectivos da Axenda 2030.
-
Desenvolvemento das competencias clave.
-
Desenvolvemento dos elementos transversais.
-
Utilización de estratexias metodolóxicas comúns.
Abordarase unha proposta metodolóxica de aprendizaxe por proxectos baseada en dinámicas activas, cooperativas e contextualizadas, centradas na experiencia práctica do alumnado sobre o seu contorno inmediato. Deste xeito, as actividades levadas a cabo no centro por cada programa organizaranse conformando un proxecto interdisciplinario que inclúa elementos do currículo de diversas materias, áreas, ámbitos ou módulos e que se integre nas programacións específicas do profesorado participante e na programación xeral anual.