Cultura e Educación e a Universidade de Vigo colaborarán para consolidar en Ourense o Campus da Auga como un centro de referencia e excelencia científica

O Consello da Xunta deu hoxe luz verde á sinatura dun convenio de colaboración entre ambas as entidades para o impulso desta iniciativa, para o que a Consellería achegará 247.800 euros

Trátase da primeira iniciativa de especialización dun campus non central no Sistema Universitario de Galicia

Xov, 30/08/2012 - 17:22

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Universidade de Vigo colaborarán para impulsar o proxecto Campus da Auga en Ourense, a primeira iniciativa de especialización dun campus non central no Sistema Universitario de Galicia. Con esta colaboración, á que deu hoxe o visto e prace o Consello da Xunta, o departamento educativo da Xunta de Galicia quere impulsar a consolidación do campus de Ourense como un centro de referencia e excelencia científica, con capacidade de proxección exterior e de creación de valor económico e social como motor  de desenvolvemento territorial na provincia.

Para o impulso desta iniciativa, Consellería e UVigo asinarán un convenio de colaboración para a elaboración do Plano estratéxico e do Programa de necesidades funcionais e usos da futura sede do Campus da Auga, que vertebren a estratexia de implantación e de dotación de personalidade propia e identidade científica ao Campus de Ourense.

Co seu impulso a este proxecto o departamento educativo da Xunta de Galicia procura unha maior inserción do campus ourensán cos sectores económicos e produtivos da provincia, tales como o termalismo, co obxecto de promover arredor deles a xeración de emprego e riqueza. Neste sentido, o Campus da Auga supón avanzar nas misións fundamentais da Universidade nos nosos días, como son unha maior desenvolvemento da I+d+i e, a necesidade de transferencia dos seus froitos à sociedade.

Por outra banda, procúrase promover unha política integral no ámbito da formación, a investigación, a transferencia e valorización do coñecemento e da actividade profesional e empresarial. Neste sentido cómpre lembrar que esta iniciativa vai paralela ao Plan Impulsa Ourense, impulsado pola Xunta de Galicia a través do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), que  define os eixos estratéxicos, obxectivos, liñas de actuación e actuacións concretas para o impulso económico da provincia de Ourense (2011-2018).

Obxectivos estratéxicos

Ao abeiro da colaboración aprobada hoxe, o departamento educativo da Xunta de Galicia achegará 247.800 para a financiación dos traballos e estudos necesarios para a elaboración do Plano estratéxico e do Programa de necesidades funcionais e usos da futura sede do Campus da Auga. Pola súa parte, a Universidade de Vigo asume o compromiso de desenvolver o Plano Estratéxico e de manter as estruturas científico-tecnolóxicas de investigación resultantes, consolidando os servizos asociados para o seu uso pola comunidade científica da UVigo e polo conxunto do sistema de innovación galego.

Entre os obxectivos do Plano Estratéxico destaca o de potenciar a singularidade e a especialización do campus de Ourense, na procura dun mapa universitario galego diversificado nas súas correspondentes fortalezas; ao tempo que se mellora a calidade das universidades galegas, especialmente a través das infraestruturas de investigación, que incidan no desenvolvemento docente e científico.