A Consellería de Educación incluirá no decreto unha proposta da mesa sectorial que facilitará a xestión por parte dos centros

Coa introdución desta proposta, a Administración Educativa asumirá a modificación da asignación lingüística fixada no decreto cando así o determine a maioría das familias

Xov, 25/03/2010 - 18:12

A Consellería de Educación incluirá no proxecto de Decreto para o Plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia unha proposta da Mesa Sectorial que facilitará a xestión dos centros educativos. Trátase dun cambio froito do debate sobre o articulado do decreto que tivo lugar na mañá de hoxe entre o departamento que dirixe Jesús Vázquez e mais os distintos grupos sindicais, aportación que se ven sumar ás aceptadas a gran parte das 30 entidades que pasaron polo trámite de audiencia e fixeron propostas ou suxestións.

Coa introdución deste novo cambio, a Administración Educativa asumirá a modificación da asignación lingüística fixada no decreto cando así o determine a metade máis unha das familias do alumnado matriculado na etapa. Esta modificación, que está previsto que se introduza nos artigos 6 e 7 do capítulo III, facilitará a xestión dos centros, xa que non será o  Consello Escolar que leve a cabo a dita modificación lingüística.

Durante a xuntanza da Mesa Sectorial, o secretario Xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, explicou a estruturación e o contido do decreto e recordou as achegas presentadas polos sindicatos no trámite de audiencia que foron incluídas no proxecto de decreto. Tras máis dunha hora reunidos, catro dos cinco sindicatos asistentes, excepto ANPE, abandonaron a Mesa Sectorial logo de negarse a negociar sobre outros puntos que non foran os que eles impuñan –no caso de CCOO e UIGT-, ou logo de anunciar que non había nada que negociar, agás da retirada total do texto do borrador de decreto, no caso de CIG e STEG. Unha actitude contraria á postura de diálogo ofrecida pola administración, e ante a que Anxo Lorenzo sinalou que a respectaba pero que deixaba claro que “prefiren estar en folgas e manifestacións preventivas que no marco dunha negociación”.

De feito, os representantes de CC.OO e CIG xa fixeron o aceno de abandonar a reunión antes mesmo de que falara o voceiro do STEG, ao que escoitarían xa de pé para abandonar a sala de reunións a continuación

Cambios do proxecto de decreto que responden a suxestións dos sindicatos

Durante o trámite de audiencia do pasado mes de xaneiro, Comisións Obreiras (CC OO), Federación de Sindicatos Independientes de la Enseñanza (FSIE), Central Sindical Independiente y de Funcionarios (CSIF), Asociación Nacional de Profesores Estatales (ANPE), e a Unión General de Trabajadores (UGT) aportaron as súas suxestións respecto do contido do borrador do decreto á Consellería de Educación, mentres CIG e STEG desistían de facer calquera aportación, agás a de convocar manifestacións e folgas, antes de coñecerse incluso o contido do borrador das bases para o decreto.

Atendendo a observacións feitas durante o trámite de audiencia polos sindicatos citados, a redacción actual do decreto inclúe cuestións como a referencia específica de utilizar o galego, “con carácter xeral”, na Administración educativa de Galicia, nos centros de ensino dependentes dela e mais entre o persoal ao seu servizo. A regulación da lingua das materias por decreto tamén é un cambio que responde as propostas presentadas por diversos sindicatos no proceso de consulta, así como o tratamento diferenciado na redacción do decreto entre as linguas estranxeiras e as linguas oficiais de Galicia.

Un criterio pedagóxico que se incluíu a raíz das reivindicacións de numerosas entidades sociais e institucionais foi a referencia explícita a procurar que o alumnado utilice na aula a lingua en que se imparte a área, materia ou módulo. Así mesmo, prescindiuse da participación das familias nos equipos de dinamización da lingua galega, co fin de facilitar o mellor funcionamento dos mesmos.

Outros cambios importantes respecto das bases presentadas o pasado mes de decembro que atenderon suxestións doutras entidades foron a inclusión dunha nova disposición para alumnado con necesidades específicas e a introdución dun artigo específico sobre a potenciación do galego nos centros, que busca formular un obxectivo xenérico e claro de promoción da lingua propia de Galicia.

Máximo equilibrio entre as linguas oficiais

O novo marco normativo que establece o proxecto de Decreto para o Plurilingüismo responde á vontade da maioría da sociedade, xa que garante unha competencia plena e semellante nas dúas linguas oficiais de Galicia, ao tempo que asegura unha presenza equilibrada entre galego e castelán, tanto cuantitativa como cualitativamente. Ademais, a nova proposta da Xunta favorece unha competencia efectiva en linguas estranxeiras por parte do alumnado, unha materia pendente do Goberno galego ata o de agora.

Xuntos con estes principios, o proxecto de decreto fomenta a lingua propia de Galicia, unha medida que responde á situación sociolingüística da nosa comunidade e coa que se pretende favorecer a igualdade plena entre o galego e o castelán.

A nova proposta salvagarda os dereitos e deberes constitucionais e estatutarios referidos á lingua e cumpre tamén co obxectivo de que este novo decreto plurilingüe entre en vigor o próximo curso.

Declaracións de Anxo Lorenzo (1)

Declaracións de Anxo Lorenzo (2)

Declaracións de Anxo Lorenzo (3)