Política Lingüística e a Real Academia Galega presentan en Pontevedra a obra ‘Celebración de Uxío Novoneyra’
Anxo Lorenzo e Xosé Luís Méndez Ferrín recordaron a figura do homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas
O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, presentaron esta tardiña en Pontevedra a obra Celebración de Uxío Novoneyra (1930-1999), unha publicación que achega case medio cento de prosas inéditas do escritor, ademais doutros documentos como o seu expediente académico, caligrafías, mecanoscritos e textos de autopoética, entre outros.
Durante a presentación do acto, Anxo Lorenzo salientou a figura de Novoneyra como un escritor de “palabra intensa, fonda e significante”, “poeta clave da literatura galega segunda metade do pasado século”, e destacou que a publicación, pola calidade dos seus contidos, será consulta obrigada en futuros traballos sobre o autor do Courel.
Unha homenaxe a Novoneyra
Política Lingüística, a través do Centro Ramón Piñeiro para Investigación en Humanidades, vén de editar esta obra, coa que se suma ás homenaxes que ao longo de todo ano se sucederán no recordo de Uxío Novoneyra, ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas.
Na presentación de Celebración de Uxío Novoneyra (1930-1999), que tivo lugar no Centro Social Caixanova de Pontevedra, tamén participaron Luís Cochón, catedrático de ensino medio do IES Rosalía de Castro e coordinador dos textos de Novoneyra editados no volume, e mais Herminio Barreiro e Daniel Pino, ambos os dous integrantes do grupo Brais Pintos, do que tamén formaran parte Uxío Novoneyra e Xosé Luís Méndez Ferrín, entre outros. Pola súa parte, o Ateneo de Pontevedra e a Fundación Cuña-Casasbellas foron as entidades que promoveron a presentación da obra en Pontevedra.
Preto de medio cento de prosas inéditas
A publicación de Celebración de Uxío Novoneyra (1930-1999) –un novo volume da colección Cadernos de Ramón Piñeiro– representa, neste ano 2010 no que o Día das Letras está dedicado pola Real Academia Galega ao poeta do Courel, un primeiro e importante paso na bibliografía crítico-textual do escritor.
A importancia desta obra deriva do feito de publicar case medio cento de prosas inéditas do poeta; de facer un esforzo compilatorio de fontes xornalísticas dos seus poemas e, ademais, de dar a coñecer –así mesmo por vez primeira– o seu expediente académico (co orixinal do seu exame de ingreso no Instituto de Lugo) e unha ben ilustrativa crono-bio-bibliografía baseada en múltiples fontes, rica e precisa en datos. Caligrafías, mecanoscritos e textos de autopoética completan este heteroxéneo e multifacético libro.