Máis de 1.200 persoas presentáronse as probas para obter o Certificado de Lingua Galega durante a pasada fin de semana
A vindeira fin de semana rematará a convocatoria de novembro dos Celga, que pon en marcha Política Lingüística, coas probas correspondentes aos nives 1 e 3
1.276 persoas realizaron esta fin de semana as probas que convoca a Secretaría Xeral de Política Lingüística para obter o Celga, o sistema de certificación de lingua galega adaptado ao Marco europeo común de referencia para as linguas. O sábado leváronse a cabo os exames correspondentes ao Celga 4, aos que se presentaron un total de 788 persoas. Na comunidade galega, por cidades, A Coruña foi o lugar onde máis xente realizou as probas, cun total de 239 persoas. Na cidade de Pontevedra presentáronse 202 persoas, mentres que en Santiago e Lugo o fixeron 155 e 115, respectivamente. Finalmente, na cidade de Ourense realizaron os exames do Celga 4 49 persoas. Estes datos revelan que a porcentaxe de presentados ao Celga 4 na comunidade galega representa un 76% do total de matriculados, que ascendía a un total de 996 persoas. Fóra de Galicia, realizaron estas probas 28 persoas.
Ás probas do Celga 2 presentáronse o 86% dos matriculados
Polo que respecta ás probas do nivel 2, que tiveron lugar onte, foron un total de 488 persoas as que se presentaron. Novamente, A Coruña foi a cidade que máis xente rexistrou, cun total de 142 persoas. Seguiuna a capital galega, con 102, e mais a cidade de Pontevedra, con 100. Finalmente, en Lugo e en Ourense realizaron os exames para obter o Certificado de lingua galega do nivel 2 un total de 67 e 62 persoas, respectivamente. Neste caso, a porcentaxe de presentados foi superior á do Celga 4, xa que supuxo un 86% dos candidatos. En puntos de fóra da comunidade galega foron 15 persoas as que realizaron as probas.
Exames dos Celga 1 e Celga 3
A vindeira fin de semana levarase a cabo a parte escrita e mais a proba oral dos outros dous niveis do Celga. Concretamente, o sábado realizaranse as probas do Celga 3, nas que están matriculadas 572 persoas, e o domingo, as do Celga 1, que contan con 262 inscritos.
Recursos para a aprendizaxe do galego
O departamento que dirixe Anxo Lorenzo vén de completar a comezos deste mes a colección Aula de Galego. Trátase de catro manuais ¿cada un inclúe, ademais do libro, un CD con audicións, unha sección de exercicios e un anexo con resumo gramatical¿ que se corresponden cos catro niveis do Celga mediante os que a Secretaría Xeral de Política Lingüística pretende facilitar a aprendizaxe do galego tanto en Galicia como noutros puntos de España e do estranxeiro nos que se está a promover o coñecemento desta lingua.