Xesus Vázquez salienta a redución do abandono escolar e a igualdade de oportunidades do sistema educativo, malia o actual contexto económico

O conselleiro participou esta mañá nunha entrevista na Televisión de Galicia, na que lembrou que practicamente un de cada dous centros de ensino están integrados no Abalar

O titular do departamento educativo da Xunta lembrou que este ano será posible que se incorporen máis interinos, debido ao maior número de xubilacións

Mér, 29/08/2012 - 10:55

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, salientou hoxe a redución do abandono escolar conseguida nestes catro últimos anos e a igualdade de oportunidades que ofrece o sistema educativo de Galicia malia ao actual contexto económico, no decurso dunha entrevista no programa ’Bos Días’, da Televisión de Galicia. O conselleiro explicou ademais que, no curso 2012/2013, “practicamente un de cada dous centros educativos de Galicia estará integrado no proxecto Abalar, do que se beneficiarán máis de 44.000 rapaces”, e que “máis de 55.000 alumnas e alumnos están implicados no Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras”, a través da rede de 149 centros plurilingües e das máis de 2.300 seccións bilingües en colexios e institutos.

Tal e como lembrou Vázquez Abad, grazas ao desenvolvemento destes programas, a Fundación BBVA ten sinalado a Galicia como a Comunidade Autónoma que presenta unha maior igualdade de oportunidades para os estudantes. Neste sentido o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia apostou por seguir dando pasos cara á eficiencia, que permitan afrontar a difícil situación económica ao mesmo tempo que se avanza na diminución da taxa de abandono escolar – que é hoxe un 5,2% inferior á de hai tres anos-, e se manteñen as ratios do alumnado por aula e por profesor como unhas das máis reducidas do Estado español.

O conselleiro quixo facer mención ademais á posibilidade que se abre este novo curso 2012/2013 para que novos interinos accedan ao sistema educativo galego, debido ao maior número de xubilacións de docentes rexistradas. En calquera caso, Vázquez Abad sinalou que haberá que esperar a que transcorra o mes de setembro para dar cifras definitivas de profesorado, máis tendo en conta que aínda está en proceso a matriculación en secundaria, precisamente a etapa na que por Real Decreto se ten modificado en toda España o número de períodos lectivos por profesor.

Tamén de cara ao inicio do curso, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia transmitiu tranquilidade ás familias, ao amosarse convencido de que o material escolar, xa adquirido polas librerías galegas, non sufrirá un incremento de prezo.

A estratexia Gaiás, en marcha

Respecto da evolución do Plan Estratéxico da Cidade da Cultura de Galicia, o conselleiro salientou a oportunidade que o Gaiás ofrecerá este outono de coñecer a Historia de Galicia a través de dúas exposicións. Por unha banda, a xa inaugurada Gallaecia Petrea,  e por outra a mostra de doce códices das dióceses galegas, “doce xoais que van do século IX ao XV, entre as que se atopa o códice Calixtino”.

Ademais o conselleiro recordou que xa está en marcha o proceso para que o corazón tecnolóxico da Xunta de Galicia se traslade ao Gaiás, así como as instalacións de coordinación e xerencia da propia Cidade da Cultura e ás da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Todo froito do desenvolvemento do primeiro plan estratéxico elaborado para o complexo cultural, que permitirá reducir os custes do mesmo e incrementar a eficiencia na súa xestión.