A Consellería de Educación potencia a formación continua do profesorado galego a través das licenzas por estudos
O departamento de Xesús Vázquez Abad vén de convocar permisos por estudos destinadas a funcionarios docentes non universitarios
Máis de 190 docentes galegos de ensino non universitario poderán beneficiarse o vindeiro curso das licenzas por estudos retribuídas que vén de convocar a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. O obxectivo é facilitar a formación permanente do profesorado galego, e estimular a realización de actividades de formación e de investigación e innovación educativas que revertan en beneficio directo do propio sistema educativo galego.
Os destinatarios destes permisos son os mestres e profesorado de ensino secundario, que acumulen un mínimo de tres anos de antigüidade como persoal docente, e que non teña gozado de licenzas retribuídas nos últimos 8 cursos. Para quen non cumpran este último requisito, a convocatoria contempla tamén a posibilidade de solicitar licenzas sen retribución, que poderán ser concedidas por períodos de seis ou de doce meses ininterrompidos, sempre que teñan transcorrido tres cursos académicos desde a última da que resultara beneficiario.
Traballos e requisitos
Os solicitantes poderán acollerse a esta convocatoria, recibindo unha retribución para realizar teses de doutoramento, cursar outros estudos universitarios, elaborar proxectos de investigación directamente relacionados co ámbito do traballo docente, ou perfeccionar o seu coñecemento en linguas estranxeiras.
Os proxectos de investigación poderán facerse de forma individual ou en grupos de dúas persoas, e deberán estar relacionados coa elaboración de materiais e recursos multimedia interactivos que favorezan o desenvolvemento curricular, ou a integración do alumnado inmigrante; ou que contribúan á utilización da lingua galega no ensino. Así mesmo, tamén poderán pedir as licenzas quen vaian traballar sobre atención á diversidade, bibliotecas escolares, materiais coeducativos, orientación educativa, psicopedagóxica e profesional, temas relacionados coas funcións da Inspección Educativa, dirección e organización dos centros docentes, e proxectos dos centros, tales como o lector, o plan de convivencia, ou de dinamización das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). O período de duración dos permisos retribuídos será dun ano, cuadrimestral ou bimensual, este último no caso do perfeccionamento en linguas estranxeiras no exterior.
No tocante aos proxectos de investigación, a Consellería de Educación disporá da propiedade intelectual sobre as memorias e os traballos realizados. Co fin de que as investigacións poidan ser coñecidas polo profesorado para contribuír á mellora do ensino, os traballos poderán ser difundidos pola Consellería.
Ao remate da licenza, os beneficiarios terán que xustificar a súa actividade no período, presentando certificado de ter depositada a tese para a súa lectura, certificación académica dos estudos realizados, memoria do proxecto realizado, ou certificación expedida polo centro ou institución onde realizaron os cursos de linguas, segundo corresponda en cada caso.
Formación permanente
A formación programada para o profesorado a través de actividades curtas e puntuais non é, na maioría dos casos, suficiente para reforzar, complementar e actualizar a súa formación inicial.
Por este motivo, a Consellería de Educación convoca estas licenzas por estudos atendendo ao protagonismo que debe adquirir o profesorado no sistema educativo actual. Deste xeito, o goberno galego fomenta a formación permanente dos docentes, dando resposta ás necesidades e novas demandas do ensino.