Máis de 1.100 traballadores solicitaron a acreditación de unidades de competencia profesional
A convocatoria do proceso de recoñecemento por parte da Educación foi un éxito
Coa recepción de máis de 3.000 solicitudes, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de constatar un éxito da convocatoria do proceso de recoñecemento, avaliación e acreditación de competencias profesionais, polo que traballadores e traballadoras verán acreditada de forma oficial os coñecementos adquiridos por experiencia laboral, e certificalos como unidades de competencia pertencentes a ciclos de FP.
Foron 3.283 as peticións de recoñecemento recibidas, de 1.100 persoas, máis do dobre das 1.600 prazas ofertadas o pasado mes de setembro. En total, foron case 300 candidatos diferentes os que conseguiron superar a fase de avaliación, demostrando posuír unha ou máis das unidades de competencia ás que aspiraban, e que recibirán unha certificación oficial da súa competencia profesional.
Deste xeito, á vista do grao de aceptación da convocatoria, e tendo en conta ademais as numerosas solicitudes de información recibidas, a Consellería de Educación estuda poder ampliar a oferta e o número de prazas para as seguintes convocatorias. O obxectivo é que todas aquelas persoas traballadoras poidan obter certificacións oficiais da súa cualificación profesional, o que lles ha permitir o seu progreso laboral e social.
Con esta iniciativa, Educación quere recoñecer a valía de quen levan anos desempeñando o seu traballo nunha rama laboral específica, ou con aprendizaxes adquiridas por vías de formación non regrada, permitindo que poidan obter certificados oficiais da súa competencia profesional e, por tanto, capitalizala. Así, os candidatos debían ser persoas desempregadas ou en activo que conten cunha experiencia mínima de 3 anos completos nos últimos quince anos, relacionada coas competencias que pretenda acreditar.
Unidades máis demandadas
A convocatoria abarcaba un total de 64 unidades de competencia de diferentes familias profesionais, integradas en 17 ciclos formativos. Os aspirantes podían presentar a súa solicitude e optar ao recoñecemento, avaliación e acreditación de cantas unidades de competencia considerasen oportunas. O proceso desenvolveuse en 11 centros educativos distintos.
En total, presentáronse 3.283 solicitudes para a validación, fronte ás 1.600 prazas ofertadas nesta convocatoria. Deste xeito, para algúns ciclos formativos sobrepasáronse en gran medida os cupos ofertados. É o caso de unidades de competencia relacionadas cos ciclos de grao medio de Equipos e Instalacións Electrotécnicas, con sede no CIFP Politécnico de Santiago, que tivo a maior demanda, con 706 solicitudes; seguido do ciclo de grao medio de Farmacia, cuxo proceso se desenvolveu no CIFP Ánxel Casal-Monte Alto, con 382 solicitudes. Ademais, gozaron dun gran éxito os ciclos medios de Soldadura e Caldeirería, tamén no Politécnico de Santiago, con 318 solicitudes; e o de Restaurante e Bar, no CIFP Compostela, para o que se presentaron 312 solicitudes de validación. Aproximadamente o 90% das unidades de competencia avaliadas foron finalmente validadas.
Colaboración dos orientadores e profesores
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria contou co apoio do persoal dos Centros Integrados de Formación Profesional, nos que se desenvolve este proceso, e de todos os centros educativos que están a impartir formación profesional, para levar a cabo toda a primeira fase de información e orientación.
Todas as persoas que demandaron información, máis de mil nos vinte días que mediaron entre a publicación da convocatoria e o remate do prazo de inscrición, foron atendidos polos orientadores e orientadoras. Estes equipos ocupáronse de resolver as dúbidas dos aspirantes sobre esta convocatoria, os prazos, a documentación, as fases do procedemento e o obxectivo do mesmo.
Ademais, este persoal desenvolveu labores de orientación, informando aos interesados sobre outras posibilidades de formación e acreditación que a Consellería de Educación ten posto en marcha. Entre eles, o ensino modular dirixido a adultos, ou as probas libres para a obtención dos títulos dos ciclos formativos de grao medio e superior.
Así mesmo, os docentes tamén prestaron o seu apoio a este proceso, na fase de asesoramento. Nela, un asesor ou asesora, profesor na familia profesional ou relacionada con ela, traballou de forma individualizada con cada candidato para axudarlle a elaborar o dossier profesional e completar a carpeta de logros profesionais, onde se recompilan todos os documentos que poidan probar as competencia do solicitante. Tanto este asesoramento como o test de autoavaliación que o candidato ten que cubrir, son indicadores clave para establecer un primeiro xuízo sobre a posibilidade de que o traballador pase ou non á fase de avaliación.
Avaliación e certificación
Na fase de avaliación, que constitúe a terceira do procedemento, unha comisión de avaliación constituída por 5 membros, que estudou e valorou todas as probas presentadas polos candidatos para defender a súa competencia. Este proceso culminou co desenvolvemento por parte do aspirante dunha ou varias situacións de traballo de altos peso específico na profesión.
As persoas que acreditaron posuír estas unidades de competencia, 292 en total, recibirán unha certificación oficial da acreditación de 710 unidades de competencia, que poderá ser validada cos módulos correspondentes de títulos de técnico ou de técnico superior de FP específica, o que lles abre a posibilidade de obter un título de formación profesional.