A Consellería de Cultura e Educación e a USC constituirán unha rede virtual de traballo para optimizar a atención ao alumnado con alta capacidade intelectual de Galicia
Xesús Vázquez Abad e Juan Casares Long asinaron hoxe un protocolo de colaboración, ao abeiro do que se creará este grupo
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Juan Casares Long; asinaron hoxe un protocolo de colaboración para optimizar a atención ao alumnado con alta capacidade intelectual de Galicia. Un acordo ao abeiro do que se constituirá unha rede virtual de traballo para o intercambio de experiencias referidas a este eido.
O obxectivo da colaboración é elaborar un protocolo para a identificación das alumnas e alumnos de Galicia que presenten este tipo de necesidades específicas de apoio educativo. Para iso, a Consellería comprométese a constituír un grupo de traballo mixto de expertos, no que participarán investigadores da USC.
De forma complementaria, desde o departamento educativo da Xunta de Galicia impulsaranse actividades de formación para profesionais do ensino no eido das altas capacidades actuais, nas que tamén participará a universidade de Santiago de Compostela.
Educación inclusiva
Desta forma a Consellería continúa a avanzar na estratexia que vén desenvolvendo en aras dunha educación inclusiva, e que se reforzou coa publicación en 2011 do Decreto 229/2011 polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes galegos.
Pola súa parte, a USC contribúe así á transferencia do coñecemento, poñendo a disposición da sociedade galega os froitos derivados da investigación académica que se realiza na universidade neste eido.