Cultura e Educación despide agosto a ritmo de música na Cidade da Cultura con tres novas sesións de “Atardecer no Gaiás”

A banda de Meaño ‘The Allnight Workers’ despregará este xoves a partir das 21:00 horas o seu repetorio cheo de rhythm and blues, swing e estilo crooner

A ‘Orquestra de Cámara Galega’ deterase o venres na tradición musical de Escandinavia con pezas de Halvorsen, Grieg, Nielsen e Sibelius

O dúo coruñés ‘Escuchando elefantes’ daranlle este sábado a benvida a setembro co concerto de presentación do seu primeiro disco “Show & Tell”

Mar, 28/08/2012 - 10:55

María Pereira, directora de Acciób Cultural da Cidade da Cultura

Escuchando Elefantes
Escuchando Elefantes

Agosto despídese na Cidade da Cultura a ritmo de música, a que nos trae unha semana máis Atardecer no Gaiás, o ciclo de actuacións en pequeno formato que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebra na praza exterior do Gaiás nestas tardes do verán. Rhythm and blues, clásica e folk rock poranlle banda sonora ao solpor deste xoves, venres e sábado.

A fin de semana comeza, deste xeito, a ritmo de rhythm and blues, que chega ao Gaiás da man de The Allnight Workers, banda con base en Meaño (Pontevedra) que ofrece un directo divertido, elegante e salvaxe. Nas súas actuacións abrazan o R&B, o swing, o jazz máis cool, o estilo crooner e toda a música afroamericana xurdida entre a década dos anos 20 e 60 do século XX, nos que se inspira o seu repertorio de colleita propia.

E do r&b á clásica, co “Atardecer Escandinavo” a cargo da Orquestra de Cámara Galega. Trátase da última parada desta viaxe polas diferentes culturas musicais do mundo que propón a formación dirixida por Rogelio Groba, que este venres interpretarán pezas de Halvorsen, Grieg, Nielsen e Sibelius.

Para despedir agosto e darlle a benvida a setembro, o sábado día 1 poderemos gozar coa formación Escuchando Elefantes, o dúo formado polos coruñeses Carlos e Silvia, que creceron escoitando a Bob Dylan entre outros grandes do folk rock americano. Tras percorrer as rúas de Europa interpretando os seus temas e versións, chegan ao Gaiás para presentar as cancións que xurdiron nese proceso e que están incluídas no disco Show & Tell.

Como xa vén sendo habitual, todos os concertos comezan ás 21:00 horas, teñen entrada libre e de balde e celébranse na praza central da Cidade da Cultura. No caso de que o tempo non acompañe, as actuación realizarase baixo cuberta. Ademais, todos aqueles que desexen acceder e baixar do Gaiás en autobús urbano, poden facelo a través das liñas 9 e C 11.