A Consellería de Educación harmoniza a adaptación dos ciclos formativos á lei das cualificacións e a formación profesional
O Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace aos currículos dos ciclos de carrozaría, aceites de oliva e viños, servizos en restauración e xestión de aloxamentos turísticos
O Consello da Xunta autorizou hoxe a adaptación aos requerimentos da Lei das cualificacións e a formación profesional, e da Lei orgánica de educación (LOE) dos títulos de grao medio en técnico en carrozaría, en aceites de oliva e viños, e en servizos en restauración; así como de ciclo superior en xestión de aloxamentos turísticos. Cos novos decretos aprobados polo Consello, garántese para os estudantes deste ciclos formativos un maior grao de inserción laboral e favorécese a mobilidade cara ao bacharelato e os estudos universitarios.
Ademais, a reunión semanal do Goberno galego deu o visto e prace ao proxecto de decreto polo que se modifican as adaptación realizadas en 2008 dos ciclos formativos de grao medio correspondentes aos títulos de técnico en emerxencias sanitarias, en cociña e gastronomía, en mecanizado, e en panadaría, repostaría e confeitaría; e os de grao superior correspondentes aos títulos de técnico superior en educación infantil, e en laboratorio de análise e de control de calidade.
Deste xeito, a Consellería de Educación continúa co proceso de modernización da formación profesional, adaptando os currículos deste estudos ao Sistema Nacional das Cualificacións Profesionais.
Modificación de ciclos xa adaptados
Co fin de poñer en valor a FP, o actual Goberno adaptará 20 ciclos -11 de grao superior e 9 de grao medio- , fronte aos 6 que modernizou o anterior equipo da Consellería en catro anos de lexislatura.
A Consellería de Educación quere ademais harmonizar os ciclos adaptados polo goberno anterior, polo que presentou hoxe ao Consello da Xunta o proxecto de decreto para modificar os decretos polos que se establecían os currículos dos ciclos formativos de grao medio en emerxencias sanitarias, en cociña e gastronomía, en mecanizado, e en panadaría, repostaría e confeitaría; e os de grao superior en educación infantil, e en laboratorio de análise e de control de calidade.
Deste xeito, suprímense nos de grao medio o módulo de síntese incorporado en 2008, ampliando a duración da formación en centros de traballo, coa finalidade de potenciar as posibilidades de inserción laboral das persoas tituladas. Modifícanse tamén nestes decretos aspectos que redundarán nunha mellor organización e flexibilización das ensinanzas correspondentes, en harmonía coas adaptacións que se están a realizar. No caso dos de grao superior, introdúcense algunhas modificacións no articulado, co fin de harmonizalos cos que actualmente está a elaborar a Consellería, e de que respondan ademais ao proxecto de decreto para regular a formación profesional que se está a tramitar.
Por outra banda, intégrase o actual módulo de cociña galega de vangarda do ciclo formativo de grao medio de cociña e gastronomía como unha nova unidade no módulo de produtos culinarios, que pasa agora a denominarse elaboración de produtos culinarios da gastronomía galega e novas tendencias. Deste xeito, refórzanse as competencias básicas propias desta profesión, integrando os contidos.
Ademais, a incorporación do módulo de cociña galega de vangarda a unha unidade formativa asociada ás unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións facilita que se poida facer o recoñecemento de experiencia laboral aos profesionais da do sector en Galicia; así como a mobilidade entre o alumnado que cursa as ensinanzas de ciclo formativo de cociña.
Formación no mundo laboral
O desenvolvemento curricular propio que está a levar a cabo a Consellería de Educación, adapta estes títulos ás necesidades de cualificación dos sectores produtivos e de servizos galegos, o que favorece unha inserción laboral inmediata e unha proxección profesional futura; e forma parte do pleno exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia.
Neles quedan determinados a identificación do título, o seu perfil profesional, o contorno profesional, a prospectiva do título no sector ou nos sectores, as ensinanzas do ciclo formativo e a correspondencia dos módulos profesionais coas unidades de competencia para a súa acreditación, validación ou exención. Así mesmo, determínanse os accesos a outros estudos, as validacións, exencións e equivalencias, e a información sobre os requisitos necesarios segundo a lexislación vixente para o exercicio profesional. Ademais, quedan establecidos os obxectivos xerais que o alumnado debe alcanzar ao finalizar o ciclo formativo e as competencias que deben adquirir os alumnos e as alumnas nun contexto de aprendizaxe en cada módulo, que lles deben permitir conseguir os logros profesionais necesarios para desenvolver as súas funcións con éxito no mundo laboral.
Con esta mesma finalidade, a inclusión do módulo de formación en centros de traballo posibilita que o alumnado complete a formación adquirida no centro educativo mediante a realización de prácticas en situacións reais de traballo no contorno produtivo do centro, de acordo coas exixencias derivadas do Sistema Nacional de Cualificacións e Formación Profesional. Outra das novidades desta liña é a inclusión da formación relativa á prevención de riscos laborais dentro do módulo de formación e orientación laboral, que aumenta a empregabilidade do alumnado que supere estas ensinanzas e facilita a súa incorporación ao mundo do traballo, ao capacitalo para levar a cabo responsabilidades profesionais equivalentes ás que precisan as actividades de nivel básico en prevención de riscos laborais.
Por outra banda, os estudantes de grao superior poderán acceder directamente á universidade, e validar os seus estudos por créditos universitarios ECTS, co que se favorece a mobilidade cara ao bacharelato e os estudos universitarios.