Política Lingüística lidera un proxecto europeo de promoción da diversidade lingüística e cultural no marco do Camiño de Santiago
O proxecto, que está cofinanciado pola Comisión Europea, conta cunha dotación económica de 373.000 euros
A Secretaría Xeral de Política Lingüística lidera o proxecto europeo Camiño das culturas e das linguas. Diversidade cultural e lingüística no Camiño de Santiago, unha iniciativa que busca promover a diversidade lingüística e cultural no marco do Camiño de Santiago, tendo como eixo fundamental a lingua e a cultura galegas.
Así o anunciou hoxe o responsable do departamento de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, quen presentou hoxe este proxecto como unha ambiciosa iniciativa que busca a proxección exterior e o recoñecemento internacional da lingua e da cultura galegas a través do Camiño de Santiago.
Apoio e recoñecemento da Comisión Europea
Esta iniciativa, que busca visualizar e impulsar a comunicación e a relación entre as diferentes linguas e culturas nos distintos camiños que levan a Compostela, vén de ser seleccionada pola Comisión Europea a través do Programa Cultura 2007-2013, unha iniciativa que axuda a financiar proxectos de cooperación, promovendo e fomentando a creación de redes culturais europeas. A Comisión Europea achega a metade do orzamento co que conta o proxecto, que ascende a un total de 373.000 euros.
Principais liñas de actuación do proxecto
Camiño das culturas e das linguas. Diversidade cultural e lingüística no Camiño de Santiago inclúe a posta en marcha de diversas liñas principais de actuación que se levarán a cabo, ao longo deste ano e mais de 2011. Entre elas atópase o establecemento dunha rede europea de axentes culturais, a organización de congresos e encontros sobre as linguas e as culturas de Europa, a posta en marcha dunha exposición itinerante e un portal web multilingüe sobre a historia cultural das diferentes rexións europeas ligadas ao Camiño de Santiago.
Coa realización destas actividades preténdese resaltar a consideración das culturas e as linguas europeas, particularmente as minoritarias, como parte do grande acervo común europeo, facendo especial fincapé no significado e na importancia que estas teñen. Para conseguir este fin, e como elemento estruturante do proxecto, este apoiarase na principal referencia cultural vertebradora de Europa, o Camiño de Santiago, exemplo de itinerario percorrido pola cidadanía europea desde o século X ata a actualidade e de encrucillada das influencias culturais no momento histórico do nacemento de Europa.
Carácter innovador
Entre os aspectos máis positivos deste proxecto atópase o seu carácter innovador, que se traduce na vinculación das linguas e das culturas co Camiño de Santiago desde unha perspectiva
transnacional, no fomento do turismo cultural e lingüístico, na promoción da diversidade lingüística europea a través da realización de diferentes actividades ou na aplicación da innovación e a creatividade ás estratexias de promoción lingüística e cultural.
Cooperación con diversas entidades europeas
Esta iniciativa constitúe un paso moi importante para a cooperación con outras institucións europeas na promoción dos valores culturais e lingüísticos do Camiño de Santiago, a través de linguas como o catalán, o éuscaro, o bretón, o aragonés ou o occitano. No proxecto que lidera a Secretaría Xeral de Política Lingüística tamén participan como parceiros outras cinco organizacións: Euskarabidea-Instituto Navarro del Vacuence, Asociación Estudio de Filología Aragonesa (Academia de l’Aragonés), Ofis ar Brezhoneg (Oficina da Lingua Bretoa), Euroccat e a Universidade de Kiel, en Alemaña.
Neste sentido, o proxecto servirá tamén para estreitar lazos con outras organizacións que teñen como obxectivo a promoción doutras linguas minoritarias europeas, o cal favorecerá o intercambio de coñecementos e boas prácticas.