O decreto do plurilingüismo garante o equilibrio entre as linguas oficiais e impulsa a aprendizaxe de idiomas estranxeiros

As familias serán consultadas en educación infantil, en educación primaria e en educación secundaria obrigatoria

Sáb, 13/03/2010 - 20:39

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, e o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, presentaron esta mañá en rolda de prensa o borrador do proxecto do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario, un texto que “garante o equilibrio entre as dúas linguas oficiais de Galicia e dá entrada a unha terceira lingua, superando a actual visión monolingüe do ensino”, segundo indicou o máximo responsable de Educación do Goberno galego.

Xesús Vázquez fixo fincapé, durante a súa intervención, en que a nova proposta da Xunta garantirá a aprendizaxe de linguas estranxeiras e fomentará o uso da lingua galega. “Ademais –dixo– recolle suxestións e observacións manifestadas polas entidades políticas e sociais consultadas no trámite de audiencia, sen renunciar por iso aos compromisos iniciais, que anunciamos hai dous meses e medio na presentación das Bases”. O conselleiro, tras incidir nos principios fundamentais do borrador do proxecto de decreto, afirmou que este asegura “a garantía de competencia plena e semellante nas linguas oficiais por parte do alumnado, a garantía do máximo equilibrio posible entre galego e castelán nas horas semanais e nas materias, a aposta por un plurilingüismo efectivo, a promoción da lingua galega nos centros de ensino e a potenciación da participación e da colaboración das familias nas decisións que atinxen ao sistema educativo”.

O novo decreto salvagarda os dereitos e deberes constitucionais e estatutarios referidos á lingua e cumpre co obxectivo de que este novo decreto plurilingüe entre en vigor o próximo curso.

Máximo equilibrio entre galego e castelán en todas as etapas educativas

Pola súa parte, o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, explicou a estruturación e o contido do novo texto, que reforza o equilibrio de horario semanal e de relevancia das materias a impartir nas dúas linguas oficiais.

No que respecta á etapa de educación infantil, o proxecto de decreto mantén que o profesorado usará na aula a lingua predominante entre o alumnado, se ben procurará que os nenos e nenas adquiran o coñecemento da outra lingua oficial de Galicia. Serán as nais e os pais os que determinen a lingua predominante, de acordo coa opinión maioritaria expresada nunha consulta que se lles fará antes do comezo do curso escolar acerca da lingua materna do seu fillo ou filla. Polo tanto, prevese que nesta etapa o alumnado aprenda as dúas linguas oficiais de Galicia partindo da lingua predominante da aula.

No texto do Decreto a administración educativa fai unha proposta de equilibrio lingüístico, propoñendo a seguinte repartición das materias:

  GALEGO CASTELÁN
Educación Primaria -Coñecemento do Medio natural, social e cultural - Matemáticas
ESO

- Ciencias Sociais, Xeografía e Historia

- Ciencias da Natureza

- Bioloxía e Xeoloxía

- Matemáticas

- Tecnoloxía

- Física e Química

Isto supón que, despois de escoitar as opinións das distintas entidades sociais e políticas, en educación primaria, proponse en galego a materia de Coñecemento do medio natural, social e cultural, e en castelán a materia de Matemáticas. No que respecta a educación secundaria obrigatoria, proponse que o galego sexa a lingua vehicular das materias de Ciencias sociais, Xeografía e historia; Ciencias da natureza e Bioloxía e xeoloxía, mentres que Matemáticas; Tecnoloxías e Física e química se impartirán en castelán.

O centro educativo decidirá, cada catro anos, a lingua en que se impartirán o resto de materias de cada curso, garantindo en todos os casos que as materias en galego e en castelán se distribúan na mesma porcentaxe das horas semanais.

O principio de equilibrio cualitativo e cuantitativo entre as dúas linguas oficias de Galicia tamén está presente en bacharelato e mais en formación profesional específica, ensinanzas artísticas e deportivas. Cada centro educativo establecerá en bacharelato, cada catro anos, unha oferta equilibrada na mesma porcentaxe de materias comúns, de modalidade e de optativas en galego e en castelán, do mesmo xeito que fixará unha distribución equitativa nas dúas linguas oficiais de Galicia para as materias e módulos de formación profesional específica, ensinanzas artísticas e deportivas. 

A participación das familias, unha peza central no sistema educativo

As familias serán consultadas en educación infantil, en primaria e mais en secundaria obrigatoria, incrementándose na Educación Secundaria Obrigatoria de dous a seis, o número de materias no que participan os pais.

En infantil, indicarán a lingua materna do seu fillo ou filla, opinión que determinará a lingua predominante da aula. En primaria e en ESO, no caso de que a metade máis unha das familias do alumnado matriculado na etapa amose unha opinión diferente respecto da proposta de repartición prevista no Decreto, prevalecerá a opinión dos pais. 

Aposta por un plurilingüismo efectivo

Ademais dunha competencia semellante entre galego e castelán, o decreto aposta por un plurilingüismo efectivo. A este respecto, Xesús Vázquez fixo fincapé en que no proxecto se lle deu un tratamento diferenciado e destacado ás linguas estranxeiras, nun capítulo á parte do das linguas oficiais. Ademais, indicou a posibilidade de que os centros poidan chegar ata un terzo do seu horario lectivo semanal. Para isto deberán presentar unha proposta coas materias que se queiran impartir en linguas estranxeiras e reorganizar o resto cunha distribución equilibrada en galego e castelán. 

Liberdade de expresión para os alumnos

Os alumnos serán libres para, coñecendo as dúas linguas oficias de Galicia, expresarse na lingua oral ou escrita que consideren máis conveniente, salvo nas materias de lingua. 

Compromiso co fomento do galego

O anteproxecto cumpre o establecido na Lei 3/1983, de normalización lingüística,  e conta cun novo artigo, o artigo 12º, co título de “Potenciación da lingua galega nos centros”, que establece, segundo indicou Anxo Lorenzo, “un marco xeral de promoción do uso do galego no sistema educativo, mediante un programa regular de actividades de fomento da lingua, no marco do seu proxecto lingüístico e coa participación de toda a comunidade educativa. Ademais, mantense o papel dos equipos de dinamización da lingua galega e establécese un procedemento para coñecer o nivel de competencia en galego e castelán en educación primaria e en ESO, como garantía de consecución da progresiva competencia nestas linguas. 

Modificacións que responden ás achegas feitas pola sociedade

Os cambios introducidos polo Goberno galego no proxecto de decreto respecto das bases presentadas en 2009 responden ás suxestións e observacións realizadas polas preto de trinta entidades que o Goberno galego escoitou no trámite de audiencia de comezos de ano, entre elas o Consello da Cultura Galega e mais a Real Academia Galega.