“O labor de política lingüística no fomento do galego parte da busca do consenso e da máxima aceptación social”, afirma Anxo Lorenzo
O secretario xeral incidiu nos principios do novo decreto do plurilingüismo e mais nas claves da actividade do seu departamento para promover o galego nas II Xeiras sobre a Lingua que organizou a Universidade de Vigo
“O labor da Secretaría Xeral de Política Lingüística na xestión e posta en práctica de todas as súas liñas de actuación parte da procura do consenso e da máxima aceptación social”. Así o afirmou o responsable do departamento, Anxo Lorenzo, durante a súa intervención nas II Xeiras sobre a Lingua organizadas pola Universidade de Vigo.
Neste sentido, o secretario xeral expuxo a necesidade de que as políticas do Goberno galego deban asentarse na cordialidade e na atención á cooficialidade real das dúas linguas, “na busca dunha maior integración e implicación da cidadanía e da efectividade real dos resultados”.
A implicación dos sectores sociais no fomento do galego
O responsable do Política Lingüística destacou durante a súa intervención que a Xunta de Galicia “continúa a asumir o seu deber de promover unha política lingüística de fomento e de potenciación da lingua galega en todos os ámbitos sociais” e precisou que “a dinamización efectiva da lingua e a implicación dos axentes dos diferentes sectores sociais é a concepción baixo a que se enmarca o conxunto de actividades desenvolvidas pola secretaría xeral que dirixe.
Ademais, Anxo Lorenzo incidiu en que, durante os primeiros meses da lexislatura, Política Lingüística puxo en marcha máis de cen medidas do Plan xeral de normalización da lingua galega, “desenvolvidas mediante actuacións de diversa índole nos sectores sociais prioritarios e nas áreas que os configuran”.
O secretario xeral tamén fixo fincapé durante a súa intervención nos principios do novo decreto do plurilingüismo, que garante unha competencia semellante e plena nas dúas linguas oficiais de Galicia, que aposta polo plurilingüismo efectivo e pola promoción da lingua galega e que potencia a participación das familias.
Así mesmo, Anxo Lorenzo recordou que a Xunta de Galicia abriu “un proceso de diálogo coa sociedade para dispoñer dun marco normativo no sistema educativo non universitario que respondese aos intereses da maioría da cidadanía”.