Xesús Vázquez Abad anuncia que a Cidade da Cultura acollerá a mellor escolma dos manuscritos galegos orixinais da Igrexa

Trátase dunha mostra única que reunirá 12 códices que por primeira vez se exporán xuntos e fora dos arquivos catedralicios

Desde finais de xullo representantes da Consellería de Cultura e Educación mantiveron reunións cos máximos representantes das dioceses galegas, que en todo momento mostraron a súa colaboración

É unha oportunidade única de poder achegarse a historia cultural e patrimonial de Galicia a través das doce mellores obras manuscritas

Ven, 24/08/2012 - 11:21

A historia de Galicia dos séculos IX a XV poderá ser percorrida a través de doce códices orixinais que por primeira vez serán exhibidos xuntos e de xeito excepcional no Museo da Cidade da Cultura, segundo anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad.

Durante a súa intervención o conselleiro agradeceu o traballo conxunto e a colaboración mostrada pola comunidade eclesiástica xa que “grazas á labor realizada por todas as partes implicadas podemos ofrecer a toda a sociedade a posibilidade de contemplar nun só espazo e por primeira vez algunhas das maiores xoias dos fondos librarios medievais eclesiásticos”, ao que engadiu que “tanto o comisariado da Fundación Cidade da Cultura como a Igrexa levan traballando na execución desta mostra desde a semana despois de que o Códice fora recuperado. O 31 de xullo e o 2 de agosto mantivéronse as primeiras reunións que permitiron que os cabildos catedralicios deran o seu consentimento a cesión das obras e designar un comisariado, de común acordo cos representantes eclesiais, e formado por un técnico medievalista do arquivo da Catedral de Santiago e co apoio de técnicos da Cidade da Cultura. Asemade existirá un comité científico no que se integraran os arquiveiros das cinco catedrais”.

Vázquez Abad sinalou que a mostra poderá ser contemplada polos visitantes que se acheguen ata a Cidade da Cultura ao longo de tres meses. Ademais comunicou que “está é unha oportunidade única para poder ver de cerca o Códice Calíxtino, o Tumbo A e o Misal Auriense, que xunto con outros nove orixinais estarán expostos no Museo Centro Gaiás dando aos visitantes unha a posibilidade de ver doce xoias pertencentes aos fondos librarios medievais eclesiásticos procedentes dos arquivos das cinco dioceses”.

Vázquez Abad destacou que “esta mostra nos permite desenvolver unha importante labor divulgativa e de posta en valor do rico patrimonio cultural e relixioso que durante séculos foi custodiado pola Igrexa” e engadiu que “dado o carácter excepcional desta exposición, pola súa calidade e calado cultural dos libros que se poderán ver, a Consellería elaborará un sinxelo catálogo e ademais estamos a traballar na busca de patrocinios co obxectivo de que a entrada a esta mostra sexa gratuíta durante os tres meses”.