O conselleiro de Cultura e Educación comproba os traballos de rehabilitación realizados no mosteiro de Santa María de Oseira

A Consellería investiu máis de 189.000 euros nas obras para a mellora do Claustro dos Cabaleiros e da igrexa

Vázquez Abad salientou o esforzo que está a facer a Xunta de Galicia para conservar o patrimonio cultural no actual contexto económico

Mér, 22/08/2012 - 12:08
Xesús Vázquez Abad visita o Mosteiro de Santa María de Oseira
Xesús Vázquez Abad visita o Mosteiro de Santa María de Oseira tralas obras da súa rehabilitación

 

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe o Mosteiro de Santa María de Oseira, na localidade ourensá de San Cristovo de Cea, co obxectivo de comprobar os traballos de rehabilitación realizados, nos que a Consellería investiu máis de 189.000 euros.

Estas obras son a terceira fase das que vén promovendo a Consellería de Cultura co obxecto de renovar o tellado do Claustro dos Cabaleiros do mosteiro, dando continuidade ás que anteriormente xa se executou nas alas sur e oeste. En total, desde 2005 a Xunta de Galicia ten investido máis de 590.000 euros nestas tres fases. O obxectivo é mellorar o estado de conservación deste espazo singular do cenobio para que a comunidade cisterciense poida recuperalo no seu día para un uso acaído.

Acompañado por membros da comunidade cisterciense do mosteiro, polo delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez; pola xefa territorial da Consellería na provincia, Mercedes Gallego; Vázquez Abad percorreu os espazos obxecto da mellora. Durante a súa visita, o conselleiro salientou o esforzo que este tipo de traballos supoñen no actual contexto económico, “e que dá conta do compromiso do actual Goberno galego coa conservación do noso patrimonio cultural”.

Referente do Císter na península

As obras realizadas dirixíronse á rehabilitación das cubertas da ala norte do Claustro dos Cabaleiros así como á reposición e formación dos aleiros da fachada sur da igrexa do mosteiro.

Tal e como explicou o conselleiro, “estes traballos permitiron deixar nas mellores condicións un dos principais espazos do mosteiro, o Claustro dos Cabaleiros, porta de chegada desde o século XVIII para todos quen chegaban en cabalería”. Situado tras a fachada principal, o claustro presenta unha mesurada composición de arcos de medio punto e fiestras rectas. Na súa planta baixa, ao redor do patio, dispoñíanse as cortes para os cabalos. Este espazo comunícase, ademais con tres salas abovedadas do século XIII que constitúen os únicos restos do mosteiro medieval.

A súa ala norte, obxecto das obras hoxe visitadas polo conselleiro de Cultura e Educación, acolle a zona de entrada ao Mosteiro, con tres plantas, nas que na baixa se atopan os espazos de recepción e salas de visitas. Nas superiores, sen uso na actualidade, situábanse os aposentos do abade e as salas representativas, e na de máis arriba atopábanse os antigos dormitorios dos monxes.

Coas obras de conservación das cubertas da ala norte do Claustro dos Cabaleiros realizáronse, ademais, traballos de reposición dos aleiros da fachada sur da igrexa románica do século XIII, un dos referentes da arte do Císter na Península Ibérica.

A través deste labor de conservación, a consellería dá cumprimento ao seu compromiso de impulsar o proxecto de recuperación dos elementos esenciais deste singular mosteiro, fundado a mediados do século XII baixo a orde benedictina, e que se converteu con posterioridade nunha das primeiras abadías cistercienses da península.