Xesús Vazquez Abad: "A educación foi o primeiro dereito conquistado na longa loita pola igualdade entre mulleres e homes"
O conselleiro de Educación asistiu ao acto de celebración do I Centenario da Incorporación da Muller a Universidade, con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu hoxe á celebración do I Centenario da Incorporación da Muller a Universidade, unha ocasión que aproveitou para lembrar que “o da Educación foi o primeiro dereito conquistado na longa loita pola igualdade entre mulleres e homes”. Durante o acto, celebrado no salón nobre do Colexio Fonseca, da Universidade de Santiago, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Muller, o conselleiro explicou que “no século pasado percorreuse un longo treito no camiño pola igualdade entre os dous sexos, e non debemos esquecer que a incorporación da muller á Universidade produciuse en España no último terzo do século XIX”.
Con motivo da celebración deste día Vázquez Abad destacou o incremento de mulleres que acceden ao mercado laboral xa que esta é “unha das tendencias dominantes e dos mercados de emprego na últimas décadas. Un exemplo disto vémolo no Sistema Universitario Galego, e nos datos de persoal docente e investigador. Do mesmo modo –engadiu- esta tendencia tamén quedou reflectida nos últimos premios Fin de Carreira da Xunta, que cada vez gañan máis mulleres”. Pero sobre todo, o conselleiro destacou que “as mulleres e homes do século XXI deben avanzar xuntos, xa que o xénero non pode ser na sociedade actual unha barreira para o desenvolvemento persoal e profesional onde as cousas realmente importantes son as persoas, o seu traballo e o seu esforzo, xa que sen isto non existe a posibilidade de dar pasos adiante e aportar á sociedade actual”.
Homenaxe fotográfico
No encontro entregáronse os premios do I certame de fotografía ‘Ruth Matilda Anderson’, fotógrafa norteamericana que recorreu Galicia entre 1924 e 1926 deixando un importante legado gráfico sobre a situación da sociedade nesa época. Vázquez Abad entregou o primeiro galardón a unha ex alumna da USC, Lucía Martínez Lamas.
Tras a entrega de premios realizouse unha mesa redonda en torno a ‘100 anos despois: traballando conxuntamente pola igualdade de oportunidades’, na que interviron a profesora titular do Departamento de Literatura Española, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral da USC, Teresa Moure Pereira; o profesor titular do Departamento de Socioloxía da USC e directora do Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero (CIFEX), Rita Rald Philip; a profesora titular do Departamento de Matemática Aplicada da USC, Josefina Ling Ling; a o profesor titular do Departamento de Socioloxía da USC, Jorge García Marín.
O encontro estivo presidido pola vicerreitora de Calidade e Planificación da USC, Dolores Álvarez Pérez, e contou coa presenza da concelleira delegada de Igualdade do Concello de Santiago, Mar Martín García; e a secretaria xeral de Igualdade da Xunta, Marta González Vázquez. Tamén asistiu o secretario xeral de Universidade da Consellería de Educación, José Alberto Díez de Castro.