A Consellería de Cultura e Educación recoñecerá o traballo de 40 estudantes no curso 2011/2012 cos premios extraordinarios de ESO ao rendemento académico e os galardóns ao esforzo

Deste xeito o departamento educativo da Xunta procura o fomento dunha escola inclusiva

Lun, 13/08/2012 - 11:35

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria recoñecerá o traballo de 40 estudantes a través dos premios extraordinarios de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico e os premios de educación secundaria obrigatoria ao esforzo e á superación persoal -correspondentes ao curso 2011-2012-, cuxas convocatorias se publican hoxe no Diario Oficial de Galicia.

Os 40 premios, 20 en cada modalidade, están dirixidos ao alumnado que estudou durante o curso 2011-2012 cuarto curso de educación secundaria obrigatoria no réxime ordinario en calquera dos centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Con esta valoración pública dos comportamentos excepcionais do alumnado, o departamento educativo da Xunta de Galicia avanza cara ao obxectivo de acadar unha escola inclusiva e a igualdade efectiva de oportunidades, no marco dun ensino comprensivo e integrador.

Requisitos

Para participar na convocatoria de premios extraordinarios ao rendemento académico os aspirantes deben posuír o título de graduado en ESO, cunha cualificación media igual ou superior a nove puntos.

Os aspirantes aos premios realizarán unha proba con dúas partes, unha a primeira relativa a cuestións sobre as materias de cuarto curso de lingua galega e literatura, lingua castelá e literatura e primeira lingua estranxeira; e unha segunda parte sobre cuestións de tres materias do currículo de cuarto: matemáticas, ciencias sociais, xeografía e historia e unha a escoller entre física e química, música, bioloxía e xeoloxía, educación plástica e visual, tecnoloxía ou latín.

No caso dos premios de educación secundaria obrigatoria ao esforzo e á superación persoal, os aspirantes- propostos polos centros educativos- son alumnas e alumnos que merecen un especial recoñecemento pola dedicación e esforzo demostrado ao longo da etapa en superar as súas dificultades, ben de tipo persoal, educativas ou do contorno familiar e sociocultural. Este recoñecemento leva implícito, ademais, o traballo dos centros educativos na atención do alumnado que presenta esas dificultades, para compensar as desigualdades de partida por atoparse nunha situación desfavorable.

Con estes galardóns a Consellería procura salientar o esforzo e a dedicación que demostrou o alumnado ao ser capaz  de superar as dificultades, ben de tipo persoal, educativas ou de contorno familiar e sociocultural para acadar o título de graduado en educación secundaria.