A Consellería de Cultura e Educación programa 146 actuacións ata finais de ano en 25 salas da Rede Galega de Música ao Vivo

Un total de 50 bandas e artistas figuran nesta nova carteleira de concertos e funcións de maxia e teatro de pequeno formato que se desenvolve entre os meses de agosto e decembro

A Axencia Galega das Industrias Culturais achega o 85% do orzamento desta programación, que conta con 67.500 euros para o segundo período do ano

Sáb, 11/08/2012 - 10:00
banda arousá Cornelius 1960
Banda arousá Cornelius 1960

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrecerá un total de 146 concertos e funcións de teatro e maxia durante o novo período de programación da Rede Galega de Música ao Vivo, que se desenvolve entre os meses de agosto e decembro en 25 salas de toda Galicia.

Con esta segunda carteleira do ano, elevarase a 368 o número de actuacións que se celebrarán durante 2012 no marco deste programa, que Cultura e Educación promove a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) e en colaboración coa Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo Clubtura. Serán un total de 50 bandas e artistas os que darán forma á súa nova e variada oferta, marioritariamente galega e na que predomina a música, con estilos que van do rock ao jazz, pasando polo folk, o pop, o swing ou a canción de autor, tanto de bandas consolidadas como emerxentes.

Grupos

En canto a número de actuacións, sobresae na listaxe a banda arousá Cornelius 1960, con sete concertos en cartel, así como Escuchando Elefantes, Los Mecánicos, Miki Nervio and The Bluesmakers, Pedrito Diablo & Los Cadáveras, o Mago Teto e o espectáculo iLalelo de Carlos Blanco & Budiño Dj, con cinco actuacións cada un deles.

Completan a relación de grupos programados A Compañía do Ruído, Alberto Vilas Quintet, Aló Django, Baldosa Amarilla, Bush Doctors, Caraba, Cats and Monkeys, Crema de Gaita, Cró!, Daniel Higiénico, De Outra Margem, Display of Power, Doctor Gringo, Edu Manazas & Whiskey Tren, Felipe Villar Trío, Foxy Freire, Fred Martins, Glasgow, Jotinho’s, La Catedral Sumergida, Lamaldita, Los Eternos, Maryland, Max Gómez Cuarteto, MBM, No Reply, O Sonoro Maxín, Os da Ría, Pentalfa, Roger de Flor, Saltanocribo, Septeto Santiaguero, Sés, Sinestesia, Stereotipos, Ton Risco Quinteto, Trasnochando, Tres Peixes Voando, Vocal Tempo e Xoan Curiel, xunto co monologuista Pepo Suevos e as compañías Ars Artis e Producións Dispersas.

Creada en 2007 co obxectivo de lles ofrecer aos grupos e intérpretes galegos unha canle estable e específica para a difusión dos seus directos, a Rede Galega de Música ao Vivo conta en 2012 cun orzamento total de 161.000 euros, dos que 67.500 euros corresponden a este segundo período de programación. A Agadic asume o 85 por cento deste investimento, mentres que o 15 por cento restante é achegado polas salas que acollen as actuacións. 

O ano pasado o circuíto experimentou, ademais, un importante salto cualitativo a raíz da entrada en vigor da súa nova normativa, co obxectivo de garantir as mellores condicións para o desenvolvemento dos concertos. De acordo con este regulamento e tras o estudo técnico que levou a cabo a Axencia Galega das Industrias Culturais para avaliar as salasen canto á súa dotación técnica, programación e localización, entre outros aspectos,todos os espazos adscritos cumpren unha serie de estándares de funcionamento e todas as funcións que se celebran no marco desta rede son producidas e/ou distribuídos de xeito profesional.

20 localidades

Esta nova carteleira desenvolvese en 25 locais, a través da que chega aos espectadores dun total de 20 localidades: A Coruña (BâBâ Bar, Garufa e Jazz Filloa), A Laracha (Pub d’Antón Rock Café), Allariz (Café-Cultural Roi Xordo), Baiona (Marrucho), Bueu (Aturuxo), Caldas de Reis (Zona Zero), Cangas do Morrazo (SalaSon), Ferrol (Sala Super8), Lugo (Clavicémbalo), Marín (Ache), Melide (A Fundación e Pub Gatos), O Barco de Valdeorras (Baranda), O Grove (Náutico), O Porriño (Bar Liceum), Ourense (Auriense Café Cultural), Ponteareas (A Regueifa), Pontevedra (Sala Karma), Santiago de Compostela (Ultramarinos), Vigo (El Ensanche, La Fábrica de Chocolate e La Iguana Club) e Vilagarcía de Arousa (Sama Sama).

As datas e horarios dos concertos e funcións da Rede Galega de Música ao Vivo están dispoñiblespara a súa consulta na sección de carteleira da páxina web da Agadic (www.agadic.info/Axenda).

Declaracións de Juan Carlos Fernández Fasero, director de Agadic.

Menús News node R

Tema