José Luis Mira asinou co alcalde de Valga o acordo para a formación de persoas adultas a través das Ensinanzas Mentor

O obxectivo é que as persoas adultas se formen a través das Tecnoloxías da Información e da Comunicación

Ven, 05/03/2010 - 19:33

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación, José Luis Mira, asinou hoxe un convenio co alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, para o desenvolvemento de cursos de formación de carácter profesionalizante no concello pontevedrés.

Grazas a este acordo desenvolveranse unha serie de accións formativas dirixidas ás persoas adultas, que favorecen a inserción laboral dos desempregados e promoven a formación persoal, social e cultural a través das Ensinanzas Mentor. Con este proxecto e mediante o uso das novas Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TICs), darase un impulso á formación facilitando a realización de cursos de ensinanzas non regradas a distancia.

Co gallo deste convenio, o concello de Valga facilitará a matriculación nestes cursos a todo aquel que o desexe, porá unha aula equipada, con tecnoloxía adecuada, para facilitar o traballo educativo e encargarase da difusión da oferta formativa da Aula Mentor. Pola súa banda, a Consellería de Educación daralle a dito espazo a consideración de centro colaborador co IES San Clemente de Santiago de Compostela, a través do cal o alumnado poderá contar con titores que lles axuden e supervisen os estudos a distancia. Do mesmo modo será o responsable de realizar a matricula do alumnado, así como a supervisión das probas de avaliación que se fagan no concello.

Con esta nova acción de colaboración impulsada pola Consellería de Educación coas administracións, neste caso o Concello de Valga, dase un paso máis na formación das personas adultas, na procura dunha mellor cualificación profesional para favorecer a súa inserción profesional.