A Consellería de Cultura e Educación incrementa nun 9,6% a oferta de prazas en Programas de Cualificación Profesional Inicial en centros públicos para o vindeiro curso
En total están dispoñibles 4.110 prazas, 360 máis que no 2011/2012
No que vai de lexislatura o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad ten incrementado nun 11% o número de grupos nestas ensinanzas
A Consellería oferta ademais 5 novos perfís profesionais, ata chegar a un total de 40
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no marco da súa estratexia de aposta pola Formación Profesional, ten incrementado nun 9,6% a oferta de prazas en Programas de Cualificación Profesional Inicial (PCPI) para o vindeiro curso 2012/2013 en centros públicos. Desta forma, hai dispoñibles un total de 4.110 prazas, 360 máis que no 2011/2012, nos 40 perfís diferentes que se ofertan en 21 familias profesionais no sistema educativo público galego.
Nesta mesma liña, no que vai de lexislatura o departamento educativo da Xunta de Galicia ten incrementado nun 11% o número de grupos nestas ensinanzas en centros públicos, ata chegar aos 274 dispoñibles para o próximo curso. Desta forma dáse resposta ao interese crecente da cidadanía nos PCPI, que se ten manifestado nun incremento do 59,6% no que vai de lexislatura no número de matriculados en centros públicos nestas ensinanzas. Así, no curso 2008/2009 había 1.531 estudantes en 1º curso de PCPI, mentres que no 2011/2012 houbo 2.444; co que as 4.110 prazas en primeiro ano para o vindeiro curso es una oferta suficiente para atender la demanda.
Novos perfís contra o fracaso escolar
Cómpre salientar, ademais, que no ano académico 2012/2013 a Consellería implantará 5 novos perfís profesionais, en concreto os de Gandaría, Aproveitamento forestal e conservación e mellora de montes, Montaxe e mantemento de equipamentos eléctricos e electrónicos, Almacenaxe en industrias e laboratorios químicos, e o de Traslado e mobilización en centros sanitarios.
Deste xeito o departamento educativo da Xunta de Galicia amplía a oferta destas ensinanzas que teñen unha marcada vocación profesional, permiten a relación co mercado de traballo e facilitan a inserción laboral nunha actividade profesional de xeito cualificado. Neste sentido cómpre lembrar queos PCPI teñen como finalidade previr o abandono escolar antes da finalización da escolaridade obrigatoria e abrir novas expectativas de formación e de titulación a mozos e mozas maiores de 15 anos.
Facilidades para o acceso á FP de grao medio
Para favorecer a continuación de estudos por parte do alumnado dos PCPI, a Consellería ten publicado unha nova orde reguladora dos mesmos. Ao abeiro dela, facilítase o acceso destes alumnos a ciclos formativos de grao medio –acceso por cupo reservado- e á titulación de graduado escolar, ao establecer unha duración de dous cursos académicos, cunha estrutura modular que consta de módulos obrigatorios e módulos voluntarios; de tal forma que se permita unha maior flexibilidade aos seus estudantes.
Os módulos de carácter obrigatorio divídense en módulos formativos de carácter xeral, orientados ao acceso aos ciclos formativos de grao medio destas alumnas e alumnos; e en módulos profesionais, dirixidos a que o alumnado adquira e desenvolva as competencias para o desempeño da súa actividade profesional, que incluirán, como mínimo, unha cualificación profesional completa de nivel 1 do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais. Doutra banda establécense módulos voluntarios, que proporcionan a formación necesaria para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria, e que se imparten no segundo curso do PCPI.
O alumnado que teña superados todos os módulos profesionais dos que se compón o programa de cualificación profesional inicial recibirá un certificado de profesionalidade de acordo co Sistema Nacional de Cualificacións e Formación Profesional. Ademais, os que teñan superados todos os módulos obrigatorios, é dicir, os módulos profesionais e os módulos formativos de carácter xeral dos que se compón o programa de cualificación profesional inicial, poderán acceder aos ciclos formativos de grao medio, a través dun cupo diferenciado cunha reserva do 20 % das prazas dispoñibles. Doutra banda, de ter superados tamén os módulos voluntarios, as alumnas e alumnos obterán o título de graduado en educación secundaria obrigatoria.
Flexibilidade
Os PCPIs poden cursarse no réxime ordinario ou no réxime integrado, a través de diferentes modalidades de combinación de módulos, incluso coa opción de cursalos en centros educativos diferentes.
Así, na modalidade A os módulos profesionais e os módulos formativos de carácter xeral del primeiro curso impártense nun mesmo centro educativo agás a formación en centros de traballo (FCT); mentres que na B os módulos profesionais - agás a FCT- impártense nun centro educativo e os módulos formativos de carácter xeral do primeiro curso impártense noutro. Por outra banda, a modalidade C contempla a posibilidade de programas mixtos, en que os módulos formativos de carácter xeral do primeiro curso se imparten en centros educativos e os módulos profesionais fóra deles; e a de programas externos, en que todos os módulos profesionais e todos os módulos formativos de carácter xeral do primeiro curso se imparten fóra dos centros educativos.
Ademais, os PCPIs poden cursarse no réxime ordinario - nas tres modalidades-, é dicir, todos os módulos profesionais no primeiro curso; ou no réxime integrado - modalidade A e B-, no que os módulos profesionais se reparten nos dous cursos. No que atinxe ao réxime integrado, este ofrece grandes oportunidades para o alumnado con necesidades educativas especiais, xa que se introducen módulos específicos doutros perfís profesionais distintos ao do programa, o que lles facilita a integración social e laboral.
Cómpre destacar, tamén, que todos os programas de cualificación profesional inicial contan cun módulo específico de formación en centros de traballo, cunha duración mínima de 160 horas, de acordo coas esixencias derivadas do Sistema Nacional de Cualificacións Profesionais e Formación Profesional. Desta forma, e tendo en conta o tipo de formación que proporcionan os PCPIs, favorécese a incorporación dos estudantes ao mercado laboral, unha das liñas de actuación prioritarias na estratexia de posta en valor da FP que vén desenvolvendo a Consellería de Cultura e Educación.