O conselleiro de Cultura e Educación asiste en Ribadavia á homenaxe a Xesús Alonso Montero

Durante o acto colocouse unha placa conmemorativa na casa familiar do profesor, en Ventosela

Sáb, 04/08/2012 - 13:30
O conselleiro de Cultura e Educación asiste en Ribadavia á homenaxe a Xesús Alon
O conselleiro de Cultura e Educación asiste en Ribadavia á homenaxe a Xesús Alonso Montero

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu hoxe á homenaxe que se rendeu a Xesús Alonso Montero en Ribadavia, localidade ourensá na que se criou. No transcurso da homenaxe colocouse unha placa conmemorativa na casa familiar de Alonso Montero, en Ventosela. O acto, organizado polo colectivo ‘Por un ribeiro poético’, enmarcouse na celebración das ‘II Xornadas Literarias: Xosé Carlos Gómez Alfaro’, e foi apoiado, ademais, polo Concello e diferentes colectivos culturais da comarca.

O conselleiro destacou o legado de Alonso Montero, “un home que, como Ben Cho Shey ou como Otero Pedrayo leva a Galicia no corazón, e faino con afouteza, con xenerosidade e compromiso”. “Estamos a homenaxear a un home que moito ben ten feito a Galicia, moito ten aproveitado á nosa cultura e, aínda moito bo lle queda por facer”, engadiu.

Vázquez Abad rematou dando os parabéns aos organizadores da iniciativa e dando as grazas ao profesor por ter dado á cultura galega “novas razóns, ideas e azos abondo para 1000 primaveras máis, pola súa vida, polo seu exemplo e polo seu traballo”.

Ademais da colocación da placa, pola tarde celebraranse actividades de homenaxe no centro social Igrexa da Magdalena de Ribadavia e no Castelo dos Sarmiento, ás que asistirá o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Cómpre lembrar que Xesús Alonso Montero será nomeado en novembro fillo predilecto de Ribadavia, polo seu traballo a prol da capital da comarca do Ribeiro.